Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia esixirá o certificado COVID–19 en residencias, ximnasios e eventos multitudinarios desde este sábado

Galicia esixirá o certificado COVID–19 en residencias, ximnasios e eventos multitudinarios desde este sábado

O TSXG avalou a decisión da Xunta e prorrogou a medida nos ámbitos xa en vigor

G24.gal 16/12/2021 13:11

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a esixir en toda a comunidade autónoma a presentación da certificado COVID–19 de vacinación para acceder aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas en que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior.  

A medida estará vixente ao día seguinte da publicación do Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 18 de xaneiro de 2022. Falta, por tanto, que se concrete no DOG a medida.

Así mesmo, segundo informou o TSXG, o alto tribunal autorizou ao Goberno galego prorrogar, ata esa mesma data, a condición de exhibir o certificado de vacinación ás visitas e acompañantes de pacientes de centros hospitalarios e esténdea aos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos e de diálises e aos hoteis de pacientes e para entrar en albergues turísticos, locais de lecer nocturno e establecementos de hostalería e de xogo que conten con servizos de restauración.  

Os maxistrados destacan no auto que as persoas non vacinadas teñen a alternativa de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa e inciden na necesidade de establecer a medida nos espazos indicados para que poidan manter a súa ocupación e o normal desenvolvemento das súas actividades "en situacións en que se aprecia o incremento de riscos de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren".  

Ademais, subliñan que o feito de que o pasaporte COVID–19 "non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios", si reduce o risco de transmisión do virus, polo que entenden que a medida é idónea e proporcionada.  

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo tamén indica na resolución que a medida se executa "en resposta a indicios racionais que poñen de manifesto a existencia dun perigo para a saúde da poboación que se pode ver agravado se non se adopta".

Ademais, o TSXG autorizou que a validación e control dos certificados se realice coa lectura do código QR mediante a aplicación Passcovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade