O tramo máis longo de accidentes con animais, de 1.800 metros, encóntrase en Castro de Rei
Segundo o Ministerio de Transportes, rexistrou nove sinistros con fauna nun só ano
A provincia de Lugo aglutina o maior número de tramos de estrada con especial frecuencia de accidentes con fauna. Son cinco en total, e o máis longo encóntrase na N-640 ao seu paso por Rozas, en Castro de Rei.
O treito onde se rexistrou un maior número de sinistros con animais, como este teixugo atropelado, ten case dous quilómetros de lonxitude. Segundo os datos máis recentes do Ministerio de Transportes, en 2023 este tramo acumulou ata nove accidentes con fauna.
Dáse a circunstancia de que o tramo en cuestión discorre á beira do aeródromo de Rozas, que está completamente cercado. Neste sentido, a veciñanza reclama que se tomen medidas para que os animais poidan circular por pasos de fauna e evitar así que o fagan pola estrada.
Con catro dos nove treitos galegos de especial risco, na rede viaria lucense rexistráronse máis de 1.700 accidentes con fauna nun só ano.