OPINIÓN
O traballo invisible, por María Bastida
Hai impostos que vemos cada mes na nómina, e outros que non figuran en ningunha ordenanza fiscal, pero que tamén minguan o noso peto colectivo. O absentismo laboral é un deles. Un “imposto invisible” que pagamos en forma de menor produtividade, máis cotizacións sociais e menos ingresos empresariais.
O absentismo converteuse nun dos grandes temas pendentes da nosa economía. Non se pode despachar dicindo que é “abusar das baixas” nin, no extremo contrario, asumindo que é inevitable. Certo que hai unha parte relacionado co exercicio de dereitos, pero tampouco podemos obviar que existen abusos, e ignoralos non axuda. Son minoritarios, pero teñen un efecto corrosivo: deterioran o clima laboral, xeran desconfianza e penalizan ás persoas que realmente precisan protección. Máis ben, require un enfoque honesto: é un factor silencioso que erosiona a produtividade e pon en xaque a competitividade de moitas organizacións.
E non estamos a falar de pequenas ausencias anecdóticas. O absentismo ten moito que ver coas baixas médicas, co envellecemento da poboación activa, co estrés, coa conciliación, e -cada vez máis- coa saúde mental. Pero o seu tratamento choca cunha dificultade: o absentismo segue a ser un tema incómodo. Moitas empresas non o miden con rigor, e boa parte dos sindicatos amosan reticencia a entrar a fondo, por medo a que se interprete como un cuestionamento dos dereitos das persoas traballadoras. O resultado é que se evita o debate, cando o que necesitamos é xusto o contrario: luz, datos e diálogo. Porque o absentismo non se combate con control, senón con máis confianza e mellor organización. A flexibilidade, a prevención en saúde laboral, a escoita activa e a coordinación áxil cos servizos médicos marcan a diferenza.
No caso particular do absentismo en Galicia poderíamos abordar tres niveis de interese. En primeiro lugar, o estrutural: contamos cunha poboación activa máis envellecida, cunha maior presenza de doenzas crónicas e cunha especialización en sectores intensivos en risco físico, como a industria pesada, a construción ou os coidados. Isto significa que, mesmo cunha xestión perfecta, sempre habería unha taxa algo máis elevada de absentismo. En segundo lugar, está o nivel de xestión empresarial: nas empresas pesa moito a cultura de non medir. Contrólase todo -stocks, tempos de produción, contas de clientes-, mais non o absentismo.
Esa falta de accountability interna impide identificar patróns e adoptar medidas preventivas; alí onde se mide e se actúa, o absentismo baixa. Finalmente, o nivel económico: non se trata só dun problema das empresas, senón dun factor que repercute directamente en cotizacións, produtividade e crecemento. Se Galicia conseguise converxer cos niveis medios estatais, podería liberar un auténtico “dividendo da eficiencia”.
As pancas de actuación están claras: consolidar unha cultura de medición, avanzar en flexibilidade organizativa, apostar pola dixitalización dos procesos de xestión de baixas e mellorar a coordinación coas mutuas para acurtar tempos de reincorporación. Pero para iso hai que mirar o problema de fronte e non esconder a cabeza: o absentismo é un problema serio que nos custa, e moito. En realidade, pode lerse como un indicador da modernización do noso mercado laboral. Reducilo non é só aforrar custos: é mellorar a calidade do emprego, reducir presión asistencial no sistema sanitario e facer máis sostible a competitividade das empresas galegas.