O tifón Kalmaegi deixa xa cinco mortos no Vietnam, e nas Filipinas os falecidos chegan a 188
Hai dous millóns de afectados e 500.000 persoas desprazadas no arquipélago
Kalmaegi atravesa O Vietnam convertido en tormenta tropical
O tifón Kalmaegi, un dos máis fortes da tempada, degradouse este venres a depresión tropical tras tocar terra o xoves no Vietnam e deixar polo menos cinco vítimas mortais no país, despois do seu paso polas Filipinas, onde as autoridades elevaron hoxe a 188 o número de mortes e a 135 os desaparecidos.
As autoridades vietnamitas confirmaron que o ciclón entrara na xurisdición de Laos e que os seus ventos baixaron a menos de 50 quilómetros por hora, despois de tocar terra na noite do xoves con ventos por enriba de 200 km/h e causar choivas intensas e inundacións nas provincias centrais de Gia Lai e Dak Lak.
A prensa estatal do Vietnam informou, citando portavoces gobernamentais, de que cinco persoas perderon a vida en derrubas e inundacións causadas polo tifón, que deixou sen teito preto de 8.000 vivendas.
Ademais dos cinco falecidos, informouse de polo menos tres persoas desaparecidas e doutras seis que sufriron lesións.
O Goberno vietnamita confirmou que polo menos 700 vivendas quedaron esnaquizadas por completo en cidades costeiras como a turística Da Nang e Quang Ngai, despois de que subise a marea e as ondas excedesen os diques.
"Nalgunhas localidades rexistráronse árbores caídas, cortes de luz. Numerosas vías de comunicación quedaron temporalmente interrompidas debido ás inundacións", di un informe gobernamental.
As autoridades suspenderon o xoves as operacións en seis aeroportos do centro do país, aínda que este venres foron restablecendo os voos que se viron atrasados polo mal tempo, polo que tamén se lles prohibiu saír ás embarcacións en Gia Lai.
A axencia meteorolóxica do Vietnam prevé choivas durante o venres, cando se espera que as autoridades actualicen o balance de danos computados.
O balance de danos continúa nas Filipinas
Namentres, segue a procura de máis dun centenar de desaparecidos nas Filipinas, onde as autoridades ascenderon hoxe a 188 o total de falecidos e a case 9.400 o número de casas danadas polo mal tempo.
O presidente filipino, Ferdinand Marcos Jr., declarou o xoves o estado de calamidade nacional despois de que o tifón tocase terra sete veces no arquipélago e afectase a pouco máis de dous millóns de persoas, entre elas unhas 500.000 que quedaron desprazadas.
A illa de Cebú, con 139 falecidos, é a zona máis afectada por Kalmaegi, que cruzou entre o martes e o mércores o país con ventos tempestuosos e intensas precipitacións que impactaron nunhas 360 localidades, segundo o Consello Nacional para a Redución e Xestión do Risco de Desastres (NDRRMC).