O III festival BDra Gráfica premia o autor de banda deseñada Rubén Pellejero
O encontro que se celebra en Pontevedra reuniu 24 postos de venda de cómics
A terceira edición do BDra Gráfica, o festival da banda deseñada de Pontevedra, volveu interesar á cidade, os libreiros dos 24 postos con cómics venderon libros e os mellores autores presentaron e divulgaron esta arte de debuxar.
Nesta edición o premio á traxectoria foi para Rubén Pellejero, o debuxante do clásico Corto Maltés. E nós conversamos con el.
O gran Astérix campa na Ferrería na entrada da carpa que cubre o festival da banda deseñada de Pontevedra como dicindo: "Están tolos estos romanos".
Dentro hai unha sorpresa, Rubén Pellejero, o debuxante do ácrata Corto Maltés. BDra Gráfica outorgoulle o premio á súa traxectoria, por non adormecer desde o primeiro debuxo e por non caducar.
"Pois moi contento porque che recoñezan unha carreira, é algo que quizais emociona. Pero o premio a unha traxectoria é validar todo un tempo, que puiden continuar co meu traballo, que puiden facer moitas obras que tiveron momentos de todo tipo, e que en xeral foron todas moi satisfactorias para min", conta a TVG Rubén Pejellero, autor de Banda deseñada
Miguel Anxo Prado, o creador de Ardalén ou debuxante do Xabarín da galega axudou a divulgar o cómic compartindo a evolución dos seus procesos creativos. A banda deseñada xa hai tempo que ten o prestixio dos cenáculos intelectuais. En todos os postos hai obra súa.
"A Banda deseñada é a linguaxe que esixe un investimento de tempo e de enerxía máis desproporcionado respecto do que obtés ao final. Eu ao final teño un libro en catro ou cinco veces no que o obtén Manolo Rivas ou Suso de Toro. É inxusto porque ao final os nosos libros custan o mesmo", engade Miguel Anxo Prado, autor de Banda Deseñada
Un dos méritos deste festival e a intimidade entre autores. Lectores, editores con espazo para os novos creadores
"De feito este ano estamos moi contentos coa recepción que tivo a presentación de proxectos profesionais para ser revisados polos editores convidados, que recibimos 111 proxectos profesionais, e xa se asinaron algúns contratos nas primeiras entrevistas", explica Kiko da Silva, debuxante e director do BDra Gráfico
O que podería supoñer que na BDra Gráfica de 2026 xa poidamos ver nos postos da ferrería pontevedresa novos cómics concibidos neste festival.