Publicador de contidos

Publicador de contidos

O festival "Dálle xogo" cambia as pantallas por xogos de mesa e moita diversión

O festival "Dálle xogo" cambia as pantallas por xogos de mesa e moita diversión

Santiago de Compostela acolle a primeira edición deste evento que pretende ser unha alternativa aos teléfonos móbiles

 

G24.gal 22/11/2025 20:55 Última actualización 22/11/2025 21:58

Os organizadores de "Dálle Xogo" pensaron nun evento destinado a que nenos, adultos e editoriais puideran recuperar a diversión coma antano: sen pantallas e a través de xogos de mesa físicos nos que a imaxinación e as relacións sociais permitan construír un espazo de esparexemento, aprendizaxe e convivencia.

"Está pensado para que todas as familias, mozos, avós... veñan desfrutar dos xogos de mesa como unha alternativa ao lecer dixital e ás pantallas", adianta Cristina Neira, unha das promotoras do festival "Dálle xogo".

Centos de familias achegáronse esta fin de semana a Area Central, en Santiago de Compostela, para desfrutar do pracer de compartir e aprender a través de dados e cartas.

"Axuda moitísimo (ao neno) a axilizar, asumir as regras do xogo e ter a picardía de espabilar para saírse coa súa. Vénlle ben", comenta unha das familias asistentes.

Durante esta primeira edición do evento tamén participaron varios especialistas que defenden un xeito de educar os pequenos máis alá das pantallas.

"Pensamos que agasallamos ao neno cun móbil e en realidade o que estamos facendo é agasallar cun neno e coa súa infancia ao móbil.  E iso cambia todo. Penso que cómpre sentido común coa tecnoloxía e remar todos na mesma dirección", asegura Manu Velasco, docente e divulgador premiado en numerosas ocasións.

As pantallas dos teléfonos dominan a vida cotiá, pero non hai tanto tempo non existían, e os nenos, tamén sabían pasalo ben. Con xogos de mesa, outros rapaces e un pouco de imaxinación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade