O temporal Joseph deixa máis de 1.200 incidencias, entre elas asolagamentos e 61 accidentes de tráfico con feridos
O temporal Joseph deixa máis de 1.200 incidencias, entre elas asolagamentos e 61 accidentes de tráfico con feridos
O Miño xa está desbordado nalgúns puntos en Lugo e unha ducia de ríos en municipios costeiros están en seguimento
Xa houbo anegamentos en varios puntos de Galicia: Caldas, Gondomar, Ames, Pontevedra ou Val do Dubra, entre outros
O vento arrinca o tellado completo dunha casa en Salvaterra de Miño
Cae unha ponte en Navia de Suarna e córtanse varias estradas na provincia lucense
O 112 Galicia rexistrou 1.229 incidencias relacionadas co temporal Joseph e atendeu 3.557 chamadas de avisos vencellados á borrasca.
Se ata as 18 horas do luns o número de incidencias rexistradas non chegaban a 400, as últimas horas de onte e as primeiras horas deste martes, ata as 8 horas, multiplicaron os avisos aos servizos de emerxencias.
Desde este luns a Central de Emerxencias contabilizou un total de 61 accidentes con persoas feridas, 5 nos que foi necesario o uso de material de liberación e un total de 116 que se saldaron con danos materiais.
O xerente do 112 Galicia, Marcos Araújo, quen avanzou os datos no programa Bos días de Televisión de Galicia, salientou que os feridos atendidos en accidentes de tráfico nas últimas horas "non son de gravidade".
Segundo precisa o boletín da Central de Emerxencias, non todos os accidentes de circulación rexistrados están relacionados coa meteoroloxía, pero si houbo, nas últimas horas, moitos sinistros ocasionados por obxectos e vexetación presentes na vía e tamén con sarabiadas.
"Tanto árbores como desprendementos de terra e pedras, así como a formación de fochancas nos pavimentos, poden causar colisións ou saídas de vía, polo que insistimos na necesidade de extremar a precaución durante a condución", advirte o comunicado.
Especialmente, nas primeiras horas deste martes sucederon moitas colisións debido á presenza de pólas, árbores, obxectos desprazados, desprendementos de terra e pedras e mesmo a formación de fochancas nos pavimentos.
A saraiba provocou un accidente con dous feridos graves e o corte de tráfico da AG-55 en Carballo e, tamén a primeira hora deste martes, e varias persoas quedaron feridas, entre elas dous deputados do PPdeG, nun accidente mútiple na AP-9 á altura de Oroso en que resultaron implicados máis dunha vintena de coches.
Dous coches coliden na autoestrada AP9 por mor da sarabiada caída en Caldas O accidente ocorreu ás 15:26 no Km 11, en Saiar. Foron dous vehículos os implicados que, ao esvarar por mor da sarabia, terminaron chocando contra os laterais da vía.
Pouco despois das 15:30, unha forte sarabiada provocou a saída de vía dun camión e varios vehículos na AP-9 en Portas, un sinistro en que non se rexistraron feridos.
Incidencias na circulación e riscos en vivendas
Ademais dos accidentes, debemos contar o número de intervencións dos equipos de emerxencias debido á caída de árbores (362), incidentes por prevención de riscos (120), terra e pedras caídas nas estradas (94), restos de accidentes e obxectos varios (70), inundacións nas estradas (65) e inundacións en vivendas (31) entre outras.
Por fortuna, ningunha destas incidencias derivou en danos persoais importantes, aínda que si materiais.
Deste xeito, cómpre sinalar unha árbore que caeu enriba dun vehículo en Ponteareas (EP-4005) e Castro de Rei (LUP-1611), o asolagamento dunha vivenda e o aparcamento do colexio Xacinto Amigo Leira, en Val do Dubra.
Ademais, o vento levantou o tellado dunha casa en Salvaterra de Miño e do cuartel da Garda Civil en Sanxenxo.
Tamén o desbordamento do río Umia en Caldas de Reis, que afectou varios vehículos estacionados e garaxes. Ademais, algúns condutores foron sorprendidos por riadas ou desbordamentos de ríos próximos, como aconteceu en Viveiro e en Portas.
Rescatado un home atrapado nun coche semimergullado pola enchente dun río en Portas
Precisamente, neste concello pontevedrés, a Garda Civil rescatou un condutor que quedara atrapado no seu vehículo, parcialmente mergullado, nunha estrada secundaria próxima ao río Chaín.
A intervención, que os axentes realizaron en colaboración con efectivos de Protección Civil, iniciouse tras un aviso de emerxencia que alertaba dun coche que estaba inmobilizado nunha zona de difícil acceso.
Á chegada ao lugar, os membros do operativo de rescate comprobaron que o vehículo permanecía encaixado nun lateral da vía e parcialmente mergullado, nunha contorna condicionada pola presenza de fortes correntes de auga.
Esta situación impedía que o condutor, un mozo de 20 anos, puidese abandonar o turismo polos seus propios medios.
Ante o risco que existía para a vida a vítima, os rescatadores aseguraron á persoa atrapada e estabilizaron o vehículo antes de iniciar as manobras de extracción.
O rescate requiriu o emprego dun segundo vehículo e unha eslinga para efectuar o remolque, mentres os intervenientes realizaban manobras de empuxe para liberar o turismo do noiro en que quedara atrapado.
Unha vez incorporado á calzada, a Garda Civil constatou que o tramo se atopaba desbordado pola enchente do río Chaín, polo que o vehículo foi retirado da zona de perigo e trasladado a un punto seguro.
O condutor, que estaba consciente aínda que nervioso e con síntomas leves de hipotermia, non necesitou asistencia sanitaria.
Garda Civil
Por provincias
En canto ás provincias, a de Pontevedra foi sen lugar a dúbida a que rexistrou máis incidentes (545), seguida a de A Coruña (376), a de Lugo (181) e por último a de Ourense (126).
Entre os concellos destacamos o de Vigo (80), Santiago de Compostela (42), Pontevedra (41), A Estrada (40), O Porriño (21), Mos (17), As Pontes de García Rodríguez (41), Quiroga (13) e Ourense con (15) incidentes.
Na capital ourensá, unha gran fochanca provocada pola chuvia obrigou a cortar unha rúa de tres carrís e a modificar as liñas de autobuses.
En Santiago, a caída dun muro na rúa Agro da Senra obrigou a cortar un carril da vía. Un poste telefónico derrubouse sobre outro na rúa Río Arriba. Os bombeiros tiveron que acudir tamén a retirar varias árbores caídas en distintos puntos da cidade.
Prealerta activada ante a posible enchente do río Miño ao seu paso por Lugo, onde xa está desbordado nalgúns puntos
O Centro de Control de cunca da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil informa este martes, 27 de xaneiro, que a estación do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH), N001 no río Miño en Lugo, rexistra uns niveis que superan ou limiar de pre-alerta (nivel LARANXA) cunha evolución que fai previsible situacións significativas de enchente.
De feito, en numerosas zonas da contorna do Miño a crecida xa se notou, asolagando os puntos habituais de desbordamento. Un deles é precisamente o Muíño de Olga, que está en obras para converterse nun centro de interpretación fluvial dependente da USC, e onde os operarios traballan a contrarreloxo para retirar os aveños e maquinaria que poden ser danados pola auga.
Por iso, dende a Área de Transición Ecolóxica informan de que non se recomenda o tránsito peonil no tramo do paseo do Miño entre ou Balneario de Lugo e o restaurante O Muíño pola enchente do río ao seu paso pola cidade.
Ademais, faise un chamamento á cidadanía para pedirlle que non se achegue ata as zonas inundables próximas aos ríos, evitando correr riscos innecesarios para non poñer en perigo a súa seguridade.
Pero non só a cidade de Lugo está en alerta, xa que varios concellos polos que pasa o Miño están tamén con problemas de inundacións. O Club Fluvial de Begonte é un dos afectados, así como numerosas estradas locais que se están cortado pola auga acumulada, con casos en municipios como Guitiriz, Cospeito, Vilalba ou Xermade, entre outros moitos.
Unha ducia de ríos están en seguimento
Lembramos que permanece activo o Plan Inungal da Xunta de Galicia.
Arestora, os ríos que se atopan en seguimento son os seguintes:
O río Mandeo en Coirós, o Anllóns en Cabana de Bergantiños e Ponteceso, o Río Grande en Vimianzo, o Tambre en Oroso, Santiago e Trazo, o Umia en Caldas de Reis e Cuntis, o Ribadumia en Cambados, o Lérez en Pontevedra, o Verdugo en Redondela, o Mera en Cambre e Culleredo, o Ladra en Vilalba, Begonte e Guitiriz, o Sil no Barco de Valdeorras, Rubiá, Vilamartín e A Rúa e o Támega en Verín, Oímbra e Monterrei.
O transporte de ría en Vigo recupera certa normalidade
Pola súa banda, en Vigo, o transporte de ría recuperou certa normalidade este martes. Así, despois dun luns no que o servizo estivo suspendido na práctica totalidade das súas viaxes, as conexións entre o porto vigués e o porto de Cangas retomáronse á primeira hora, aínda que a navieira informou de que as primeiras viaxes da mañá faríanse cunha frecuencia de 30 minutos, para adecuar a velocidade dos barcos ás condicións meteorolóxicas adversas.
No caso da ruta entre Vigo e Moaña, canceláronse as viaxes de primeira hora da mañá, entre as 6:30 horas e as 9:00 horas, momento en que quedou restablecido o servizo.
Restablecido o servizo ferroviario Vigo-Redondela-Tui e Ferrol-Ribadeo e plans alternativos nas liñas Ourense-Vigo e Ourense-Santiago
O servizo ferroviario da rede convencional entre Vigo-Redondela e Tui quedou restablecido entre as 13 e as 14 horas deste martes, informaron a EFE fontes de Adif, o administrador de infraestruturas.
Así mesmo, no mesmo intervalo temporal, tamén se restableceu o tráfico entre Ferrol e Ribadeo e a conexión con Asturias, da rede de vía estreita.
Ambas as liñas estaban cortadas desde onte luns tras verse afectadas polas choivas da borrasca Joseph.
Ademais, o servizo ferroviario da rede convencional entre Ourense e Vigo quedou restablecido e só queda suspendido o que une Santiago e Ourense pola rede convencional, non pola de alta velocidade, segundo informan fontes do Adif.
Ademais das incidencias nas estradas, durante este martes realízanse traballos de recoñecemento da infraestrutura ferroviaria tras os cortes de onte luns.
Deste xeito mantéñense plans alternativos de transporte entre Ourense e Santiago en trens de media distancia.
Os servizos do Eixo Atlántico de ancho convencional préstase con orixe/destino alternativo Vigo Urzáiz-A Coruña.
Chuvia menos intensa e aviso laranxa por ondada este martes
A borrasca Joseph deixou en Galicia refachos de vento superiores aos 146 quilómetros por hora nunha xornada na que se rexistraron en Forcarei acumulados de máis de 155 litros por metro cadrado en 24 horas.
A estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, rexistrou refachos de 146,8 quilómetros por hora, e a de Punta Candieira en Cedeira, unha de máis de 124,4 km/h.
No que respecta ás choivas, a maior acumulación rexistrouse no municipio pontevedrés de Forcarei (no interior da provincia de Pontevedra estaba activado o aviso vermello por precipitacións) con 155,8 litros por metro cadrado en 24 horas e en Val do Dubra con 132,4 litros por metro cadrado.
Durante esta xornada seguirá chovendo, aínda que con menos intensidade, e está activado o aviso laranxa en todo o litoral por ondas que poden alcanzar os sete metros, segundo a previsión de MeteoGalicia.
Joseph deixa unha morta en Málaga e incidencias en varias zonas de España
A borrasca Joseph causou este martes a morte dunha muller na localidade malagueña de Torremolinos tras caerlle encima unha palmeira debido ao vento, e houbo accidentes, inundacións, derrubes ou desaloxos, principalmente en Andalucía e Castela e León.
A falecida en Torremolinos non puido ser reanimada e é o feito máis grave sucedido en Andalucía, onde o seu conselleiro de Sanidade, Presidencia e Emerxencias, Antonio Sanz, elevou a fase de emerxencia, situación operativa 1, o Plan de Emerxencias ante o Risco de Inundacións polo impacto do temporal. Nesa comunidade rexistráronse 366 incidencias, sobre todo en Cádiz (96), Sevilla (78) e Málaga (47).