Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temporal deixa caídas de árbores e inundacións puntuais en Galicia

O temporal deixa caídas de árbores e inundacións puntuais en Galicia

As últimas horas deixaron tamén vento forte en Galicia, co máximo no medido do Xistral, en Muras, que ás 2:50 horas deste mércores rexistrou refachos de 112,5 quilómetros por hora

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para a tarde deste mércores a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña

G24.gal 18/10/2023 12:49

Galicia vive este mércores outra xornada de inestabilidade con fortes precipitacións, vento e ondada, un temporal que nas últimas horas deixou incidencias en varias zonas da comunidade, como caídas de árbores e inundacións puntuais.

Activouse para esta tarde a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña. Se na pasada tarde se detectaban numerosas incidencias, tamén se rexistraron nas últimas horas caídas de árbores.

Unha das máis significativas produciuse en Vigo, onde a pasada noite caía unha árbore de grandes dimensións nun parque infantil próximo a López Mora.

Os bombeiros de Ferrol tiveron que realizar varias saídas durante a noite a varios puntos do municipio tanto para a retirada de árbores caídas na vía pública como por inundacións. Así, na madrugada tiveron que cortar algunhas unidades na zona de Leixa e da Pega, ademais de na rúa Fontaíña, que impedían a circulación de vehículos.

En canto ás inundacións desprazáronse a tres lugares xa recorrentes, como son a avenida do Mar, estrada da Trincheira e na zona de Tejeras.

Forte vento

As últimas horas deixou tamén forte vento en Galicia, co máximo no medido do Xistral, en Muras (Lugo), que ás 2:50 horas deste mércores rexistrou refachos de 112,5 quilómetros por hora. En Fontaneira, Baleira (Lugo), rexistráronse ás 6:00 horas, ventos de 94 quilómetros por hora, e en Lardeira (Carballeda de Valdeoras), de 90,5 km/h sobre as 2:10 horas.

Alerta laranxa este mércores

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta activou para a tarde deste mércores a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno meteorolóxico por vento comezará á primeira hora da tarde. No resto da costa galega a alerta será de nivel amarelo. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Xoves aviso laranxa de Meteogalicia

Meteogalicia informa na súa páxina web de que este xoves 19 de outubro a comunidade vivirá outra xornada de moita inestabilidade, con choivas localmente de intensidade elevada ao principio do día e ondas que ao final da xornada superarán os 5 metros no litoral atlántico. Desde medianoite e nas primeiras horas do xoves haberá alerta amarela por choivas que poden superar os 15 l/m2 nunha hora en Pontevedra, varias zonas da Coruña, así como o sur e a montaña de Ourense.

En canto aos refachos de vento, tamén hai aviso amarelo por refachos superiores aos 80 quilómetros por hora entre as 21:00 e as 00:00 horas da próxima xornada na Coruña, a costa de Pontevedra e A Mariña de Lugo. Por ventos no mar haberá alerta amarela nas primeiras horas do día no litoral de Pontevedra e A Coruña, que pasará a laranxa nas últimas horas da xornada nas mesmas zonas.

A costa pontevedresa e da Coruña terá alerta amarela pola tarde por ondada, que será laranxa a partir das 21:00 horas. Esperan ondas de 5 a 7 metros en Pontevedra, e de 6 a 8 na costa coruñesa. Na Mariña de Lugo o instituto meteorolóxico deixa un aviso amarelo por ondada desde as 18:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade