O tempo de merenda é horario laboral se sofres un accidente
O Tribunal Supremo ditaminou que o tempo dedicado á merenda computa como horario laboral para os accidentes, aínda que este se produza fóra do centro de traballo

O ditamen está baseado nos feitos que ocorreron o 8 de novembro de 2016, sobre as 18:15 horas, cando unha traballadora sufriu unha caída cando se dirixía a merendar a un bar situado a 60 metros do seu centro de traballo. Este suceso, que lle provocou unha incapacidade temporal, derivou nun expediente que concluíu coa declaración de accidente de traballo e a responsabilidade da Mutua Asepeyo.
O Xulgado do Social número 1 de Málaga desestimou a demanda da Mutua porque entendía que o accidente tivo lugar con ocasión do traballo, na media hora de bocadillo que se cualifica como tempo de traballo polo convenio colectivo. Por tanto, determinou o incidente como accidente laboral e declarou responsable da prestación á Mutua Asepeyo nunha sentenza que confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía.
A aseguradora recorreu alegando que a presunción de accidente de traballo esixe que este se produza en lugar e tempo de traballo, pero non na rúa cando o traballador non ten encomendada ningunha actividade.
Pero a Sala do social do Supremo recoñece a existencia de accidente de traballo porque "as circunstancias que rodean o caso evidencian que o accidente ocorreu con ocasión do traballo, ao producirse no tempo de traballo do que dispuxo a empregada para repoñer forzas, finalidade que se persegue co descanso cuxo tempo se cualifica precisamente, como de traballo".
Iso, continúa na súa sentenza, "sen que o feito de que o lugar en que aconteceu o sinistro non fora propiamente o lugar da súa actividade profesional veña a alterar a vinculación do sinistro co traballo, en tanto que a súa saída do centro con ese fin débese entender como unha actividade normal da vida laboral que de non estar a prestar servizos non se produciría".