Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ingresa en prisión o veciño de Guntín acusado de matar a seu pai

Ingresa en prisión o veciño de Guntín acusado de matar a seu pai

Investigado por un delito de homicidio, acolleuse ao seu dereito a non declarar

Segundo as súas avogadas, leva tempo a tratamento psiquiátrico e está arroupado por toda a familia

O investigado á saída dos xulgados
G24.gal 14/01/2024 12:42 Última actualización 14/01/2024 20:47

Sobre as dúas e media da tarde deste domingo saía do xulgado de Lugo cara á prisión o veciño de Guntín de 47 anos que está acusado de acabar coa vida de seu pai dun disparo de escopeta na vivenda que compartían na parroquia de Entrambasaugas.

Investigado por un delito de homicidio, acolleuse ao seu dereito a non declarar. O titular do xulgado número 3 de Lugo decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza. 

A súa comparecencia non deu respostas sobre un crime cometido no seo dunha familia moi querida na contorna. O suposto parricida rexenta unha explotación gandeira que puxera en marcha o seu proxenitor, un home que acababa de facer os 76 anos.

Segundo conta a veciñanza, o pai padeceu unha enfermidade grave durante a que contou sempre cos coidados do fillo. Por iso, prefiren pensar que detrás do homicidio está o trastorno  psiquiátrico que padece o presunto agresor.

As avogadas designadas pola familia, María José García e Dolores Fontal, concordan en que o acusado non está en condicións de declarar tendo en conta o seu estado mental, motivo polo que na prisión terá medidas de protección.

Apoio da familia

Ambas as dúas letradas, cunha experiencia de varios lustros na profesión, declararon ao saír do xulgado que o perfil do inculpado non se corresponde co dun homicida e subliñaron que o máis significativo é que recibe o apoio de toda a súa familia sen excepción.

Segundo as avogadas, non houbo testemuñas directas dos feitos, e acóllense ao segredo profesional para non facilitar máis información. Tan só adiantaron que, a partir do luns, tramitarán novas dilixencias profesionais e periciais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade