O suposto intento de secuestro dun neno de 11 anos en Pontevedra nunca existiu e foi unha invención
O subdelegado do Goberno solicitou que se difundira a noticia de que nunca existiu tal intento de secuestro e que a seguridade dos menores está garantida nunha cidade cuns estándares de seguridade tan elevados como os de Pontevedra
O suposto intento de secuestro dun menor en Pontevedra nunca existiu e foi unha invención. Así o confirmou o subdelegado do Goberno en Pontevedra. Abel Losada, nun audio remitido aos medios de comunicación.
Segundo afirmou Losada, os feitos foron investigados con exhaustividade e puido acreditarse con absoluta certeza que non houbo nin furgoneta, nin homes encapuchados, nin nada do relatado.
"Para o subdelegado do Goberno, non é nada agradable desmentir unha denuncia así, que ao facelo afecta unha familia á que quero amosar o meu respecto persoal e institucional, pero creo que pesa moito máis na balanza a tranquilidade da cidade e moi especialmente a todas as familias que teñen fillos e estaban lexitimamente preocupadas, afirmou Abel Losada.
Ademais, Losada solicitou que se difundira a noticia de que nunca existiu tal intento de secuestro e que a seguridade dos menores está garantida nunha cidade cuns estándares de seguridade tan elevados como os de Pontevedra.