O supercomputador do CESGA resiste operativo durante o cero enerxético
O Centro de Supercomputación de Galicia, un dos poucos da península que foi quen de manter o servizo de procesamento de datos e Internet durante todas as horas que faltou a corrente
Tras apagamento do luns 28 de abril, unha das preguntas por responder é se as empresas tecnolóxicas e de comunicacións poderían estar mellor preparadas para a falta de enerxía eléctrica.
No debate, un dos casos máis mencionados estes días é o exemplo do CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia, un dos poucos da península que foi quen de manter o servizo de procesamento de datos e Internet durante todas as horas que faltou a corrente.
"Fóra de aquí era caótico e aquí todo funcionaba ben. Tiñamos electricidade, Internet, tiñamos de todo", declarou Lois Orosa, o director do Centro de Supercomputación de Galicia.
O segredo deste éxito está nos sotos do Cesga. Primeiro, nun sistema de alimentación ininterrompida, o SAI, que mantén a estabilidade mentres entra en servizo o xerador, que a medio depósito, resistiu ata que a tarde chegou máis combustible.
"Antes ca nós hai servizos máis críticos que teñen preferencia á hora de recibir combustible. Pero nós tamén consideramos críticos algúns dos servizos que ofrecemos como o do procesamento de datos de Metogalicia, ou as comunicacións. Se os nosos nodos se apagasen, quedarían sen Internet as universidades e centros educativos", relatou Lois Orosa, o director do Centro de Supercomputación de Galicia.
E por iso que á hora de deseñar o CESGA, optaron por investir neste apoio técnico.
"Cataluña decidiu que os servizos que dan non son tan críticos. Se noutras tecnolóxicas deberían facer o mesmo, pois depende un pouco da súa estratexia. Quizais ten sentido facelo para os servizos críticos", engadiu Lois Orosa, o director do Centro de Supercomputación de Galicia.
O éxito do Cesga demostra que existe tecnoloxía para manter sistemas coma este en situacións tan expecionais como a do luns. Queda estudar en que medida estas solucións son escalables a grandes operadoras con millóns de clientes.