O submarino Isaac Peral chega ao porto de Marín baixo unha grande expectación
A súa presenza na ría de Pontevedra supón "unha oportunidade para que os alumnos e profesionais da institución coñezan de primeira man a vangarda tecnolóxica que representa"
No medio dunha grande expectación, o submarino Isaac Peral (S-81), a primeira unidade da serie S-80 da Armada española, atracou no porto da Escola Naval de Marín (Pontevedra).
A escala en Marín, tras a súa recente estancia na Base Naval de Rota (Cádiz), forma parte da súa primeira navegación nacional. A súa travesía continuará cara a Ferrol, onde se forman os oficiais, os suboficiais e o persoal de mariñeiría da Armada.
O submarino atracou nas inmediacións da Escola Naval de Marín sobre as nove da mañá deste xoves e, desde primeira hora, os alumnos deste centro están a realizar prácticas de navegación pola ría pontevedresa.
O obxectivo da súa estancia en Marín, onde a princesa Leonor realizou a súa formación militar naval ata o pasado mes de decembro, é que os alumnos e os profesionais da escola teñan a oportunidade de ter un primeiro contacto coa nave.
A intención da Armada é que os futuros oficiais poidan comprobar de primeira man a vangarda tecnolóxica que representa esta nova xeración de submarinos.
A Armada destaca que o Isaac Peral pon en valor o "papel clave" da industria nacional de defensa, que desenvolveu un submarino de última xeración con capacidades avanzadas, situando a España "na vangarda do deseño e construción naval militar".
"A serie S-80 é un fito para a autonomía estratéxica do país", subliñan desde a Armada.
Á súa saída de Galicia e de regreso á súa base en Cartaxena, o Isaac Peral participará no exercicio FLOTEX, un dos máis importantes da Armada. Nestas manobras operará xunto ao veterano submarino Galerna (S-71) e diversas unidades de superficie e aéreas tanto nacionais como estranxeiras.