A princesa Leonor recibe este luns a Medalla de Ouro de Galicia, logo de rematar a instrución no Juan Sebastián de Elcano
A princesa Leonor recibe este luns a Medalla de Ouro de Galicia, logo de rematar a instrución no Juan Sebastián de Elcano
Foron seis meses de formación que a levaron por oito países
Tras seis meses de navegación e catro continentes percorridos, a princesa Leonor finalizou este domingo o seu cruceiro de instrución a bordo do buque escola Juan Sebastián de Elcano tras chegar ao peirao de Torpedos da Escola Naval Militar de Marín.
O emblemático bergantín-goleta atracou ás 17:00 horas, escoltado por decenas de embarcacións civís desde a entrada da ría de Pontevedra. Entre elas, atopábase a lancha Cristina, do Real Club Náutico de Sanxenxo, na que navegou este mesmo día o rei emérito Juan Carlos I.
Con todo, non acudiu á recepción do buque xa que baixou no porto sobre as 14:30 horas. A chegada a Marín, segundo explicou o capitán do buque escola, Luis Carreiras-Presas do Campo, ten "un significado especial" para todos os gardamariñas.
Formados en cuberta, saudaron ao público coas súas gorras mentres soaba a popular peza Paquito o chocolateiro. Posteriormente, cantaron o himno da Armada, acompañados pola banda de música da institución.
Durante esta travesía, iniciada en xaneiro, os futuros oficiais visitaron portos en América, África e Europa, participaron en exercicios conxuntos, actividades académicas e actos institucionais.
Un dos gardamariñas, Rafael Pedrosa, destacou que a viaxe "tivo momentos duros", especialmente pola distancia coas súas familias. Con todo, explicou que celebraban os "pequenos fitos" que conseguían con comidas en cuberta.
O Juan Sebastián de Elcano permanecerá aberto ao público na Escola Naval Militar ata o xoves, cando partirá rumbo a Cádiz, o seu porto base, onde está previsto que chegue o 21 de xullo.

Axenda institucional da princesa
A princesa Leonor afronta agora unha semana cunha axenda institucional intensa en Galicia. Este luns, ás 10:30 horas, recibirá a Medalla de Ouro de Galicia nun acto oficial no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.
Máis tarde, será nomeada filla adoptiva de Marín, localidade que acolle a Escola Naval.
O mércores 16, coincidindo coa festividade da Virxe do Carme, patroa da Armada, o rei Filipe VI imporalle á princesa a Gran Cruz do Mérito Naval, unha distinción que recoñece a súa formación e compromiso coa carreira militar.

Instrución real
A princesa Leonor emprendeu o seu cruceiro de instrución a bordo do Juan Sebastián de Elcano en Cádiz o once de xaneiro. Os reis acudiron a despedir a súa filla, que embarcaba por seis meses.
Tras recalar nas illas Canarias, o veleiro cruzou o Atlántico para percorrer parte do continente americano. Vimos a princesa, xunto aos seus 75 compañeiros gardamariñas, adaptarse ao día a día do buque.
A primeira escala americana foi Salvador de Baía, no Brasil. Pasou tamén polo Uruguai, polo Perú, cruzou o estreito de Magalláns...
En maio chegou a Panamá, unha escala en que se reencontrou coa raíña Letizia, que coincidindo coa fin de semana do día da nai viaxou ata alí para abrazar e pasar un tempo coa súa filla.
A travesía do Juan Sebastián de Elcano rematou en Nova York. Desde alí, Leonor voou a España para embarcar nas Palmas durante tres semanas na fragata Blas de Lezo e coñecer as capacidades dun buque de guerra.
O tres de xullo volveu embarcar en Xixón cos seus compañeiros do Elcano. Desde alí navegaron ata Ferrol para dirixirse logo a Marín, a etapa final desta travesía formativa.
