O Neno reparte sorte en Galicia a través do segundo e o terceiro premio
O Neno reparte sorte en Galicia a través do segundo e o terceiro premio
O primeiro premio, o 78908, vendeuse integramente en León
Parte do segundo premio, o 06766, distribuiuse nas catro provincias galegas
O terceiro premio, o 66777, foi parar a once localidades galegas e devolveu o sorriso á zona cero da dina
Poden consultar os décimos premiados en g24.gal
A sorte sorriu a León no sorteo extraordinario da lotería do Neno celebrado este día de Reis. O primeiro premio, o 78.908, dotado con dous millóns de euros por serie (200.000 euros ao décimo)vendeuse integramente nesta cidade.
Foi consignado na administración de El Corte Inglés de León e, segundo a filla do loteiro que o vendeu, estivo moi repartido xa que se despachou a través do portelo. De venderse as 55 series do número premiado, poderían repartirse 110 millóns de euros.
En Galicia caen beliscos do segundo e do terceiro premio
O segundo e o terceiro premio do Neno están moi repartidos. Vendéronse en numerosos puntos da xeografía española, tamén en Galicia.
O segundo premio, o 06.766, dotado con 750.000 euros por serie (75.000 euros ao décimo), distribuíuse nas catro provincias galegas. Trouxo a sorte ás cidades de Ferrol, Ourense e Vigo e ás localidades de Becerreá, Riotorto, Touro, Oza e Ferrol.
Galicia rabuñou algo tamén do terceiro premio. O 66.777 vendeuse, entroutras, nas provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. Dotado con 250.000 euros por serie (25.000 euros ao décimo), repartiu sorte nas cidades da Coruña, Santiago e Vigo e tamén nas localidades das Pontes de García Rodríguez, Ares, Santa Uxía de Ribeira, Rábade, Castroverde, Vilalba, Sarria, Tomiño e Priegue.
A sorte volve sorrir á zona cero da dina a través do terceiro premio
Neste Día de Reis, os afectados pola dina de Valencia recibiron un agasallo a través do sorteo extraordinario da Lotería. Na localidade de Aldaia, un dos municipios máis devastados pola traxedia, caeron 1.250.000 euros do terceiro premio.
Concretamente, a administración situada no Centro Comercial Bonaire, arrasado polas inundacións, vendeu cinco series do número 66.777, repartindo un total de 1.250.000 euros.
Este punto de venda de loterías é unha das administracións que seguen pechadas por mor da dina. O propietario, que reside agora a 130 quilómetros da mesma, asegura que recibiu a noticia "con inmensa alegría". Segundo destacou, este ano xa repartiu unha serie do cuarto premio do Gordo de Nadal.
Extraccións especiais e reintegros
O sorteo tamén repartiu premios para dúas extraccións de catro cifras, 14 extraccións de tres e cinco extraccións de dúas. As extraccións de catro cifras, premiadas con 3.500 euros, foron 4.276 e 1.454.
As extraccións de tres cifras, premiadas con 1.000 euros, foron 798, 824, 794, 981, 307, 548, 660, 366, 040, 756, 899, 184, 404 e 306. Ademais, as extraccións de dúas cifras, premiadas con 400 euros, foron para os números 31, 26, 89, 68 e 11.
Por último, os reintegros, premiados con 20 euros, foron o 8, o 5 e o 0.
Poden consultar os décimos premiados en g24.gal
Menos expectación
A diferenza do sorteo de Nadal, non esperta tanta expectación porque segue un guión preestablecido cunha duración de media hora.
Nesta ocasión consignáronse 874.231.600 euros, o que supón unha media de 18,20 euros por habitante, unha cantidade superada amplamente en Asturias (30,20 euros), Castela e León (28,89 euros), A Rioxa (26,01 euros), Comunidade Valenciana (25,17 euros) e País Vasco (23,22 euros).
Pola contra, onde menos lotería se compra é nas cidades autónomas de Ceuta (3,53 euros) e Melilla (5,32) seguidas das Baleares (9,59), Cataluña (13,02 euros), Navarra (13,23) e as Canarias (13,38).
Con todo, os datos de vendas definitivos non se coñecerán ata pouco antes do inicio do sorteo, cando as administracións informen dos décimos que conseguiron vender e os que devolven á sociedade estatal.
O cero foi a terminación máis repetida do primeiro premio (22 ocasións), seguida do 7 (14), do 4 (13), do 9 (13), do 5 (12), do 2 (11) e do 6 (10 veces).