O soño de Porriño pon a proba o campión de Copa
O conxunto galego recibe este domingo ao Bera Bera, recente campión da Copa da Raíña no gran duelo da ida de semifinais
O Pavillón Municipal de Porriño acollerá a ida de semifinais entre Conservas Orbe Zendal Porriño e Super Amara Bera Bera, un enfrontamento entre a ilusión do conxunto galego e a experiencia competitiva das donostiarras.
As porriñesas chegan a semifinais tras superar numerosas dificultades durante a tempada e eliminar en cuartos de final a Mecalia Atlético Guardés despois dunha brillante actuación no partido de volta.
Arroupadas pola súa afección, buscarán dar o primeiro golpe ante un dos grandes favoritos ao título.
Isabella Rodríguez Ferrerín: "Temos que traballar e soñar, é fundamental".
En fronte estará un Super Amara Bera Bera que pechou a liga regular como líder e que chega ademais reforzado tras proclamarse campión da Copa da Raíña a pasada fin de semana. O equipo dirixido por Imanol Álvarez superou en cuartos a Grafometal Sporting A Rioxa e afronta agora unha eliminatoria na que parte con vantaxe tamén nos precedentes desta tempada.
As donostiarras gañaron os dous enfrontamentos ligueiros, aínda que o choque disputado en Galicia evidenciou a igualdade entre ambos os equipos, cunha derrota local por só dous tantos que deixa aberta a porta a unha semifinal moi competida.