O Sergas presenta a Estratexia galega de xestión do cancro
Rueda anuncia que a Xunta porá en marcha no 2023 o centro de fabricación de fármacos innovadores
O Sergas vai poñer en marcha unha estratexia contra o cancro que ten o reto de conseguir en seis anos reducir os casos, aumentar a supervivencia dos pacientes e mellorar súa a calidade de vida.
O plan presentouse este luns no hospital de Lugo (HULA), onde o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que no 2023 comezará a funcionar un centro para fabricar fármacos innovadores contra o cancro.
A estratexia inclúe medidas de prevención, diagnóstico e tratamento con obxectivos concretos como conseguir localizar máis da metade dos tumores en fase temperá, que os cribados de mama, colon ou útero cheguen ao 100 % da poboación ou reducir a menos dos seis días actuais o tempo entre que aparecen os síntomas e a cita co especialista.
"Tempo mínimo de consulta, axendas cun número máximo de doentes e, sobre todo, tempo, tempo e tempo con pacientes na consulta, na súa vida diaria, coa súa familia, a nivel social e a nivel laboral", explicou Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do HULA.
Oportunidade de liderar
Desta estratexia o presidente Alfonso Rueda destaca dous proxectos: o centro de protonterapia, unha técnica contra tumores menos invasiva, que se vai construír en Santiago e o centro para elaborar fármacos innovadores e personalizados.
"Este ano chegará o pulo definitivo para financiar as prazas de persoal deste centro, para que poida entrar en funcionamento no ano 2023. Hai que seguir por este camiño de apostas con orzamentos", avanzou o presidente.
Na elaboración da estratexia participou o médico experto en saúde pública Rafael Bengoa que cre que pode ser unha referencia en España en planificación nesta materia. "Tedes entre mans unha oportunidade para liderar isto non soamente en Galicia. Creo que vos van copiar noutras comunidades autónomas", dixo Bengoa.
O cancro segue a ser a segunda causa de morte no mundo, e os expertos insisten en que ademais do tabaco, o alcohol, a obesidade e o sedentarismo tamén son factores de risco.