O Sergas trasladará os servizos da zona Materno Infantil do CHUO tras a caída do falso teito
Tras o último incidente e o clamor de familias e profesionais, o paridoiro e a hospitalización infantil e obstétrica aloxaranse noutras zonas do CHUO

Protesta ante a situación "precaria" do edificio
Tras esta decisión, as portas do CHUO acolleron unha concentración polo hartazgo ante a "precaria" situación do edificio. Os manifestantes reclamaban unhas infraestruturas que respeten os dereitos dos usuarios.
"Ás preocupacións de ser nai agora hai que engadir a preocupación de ter unha sala onde estar soa ou onde non caia o teito enriba", citan portavoces da concentración.
As mesmas persoas afirman que houbo casos de dúas nais dando a luz xuntas na mesma sala e que non existe unha zona de espera para os familiares, polo que consideran que "xa debería de haber unha manifestación aínda que non se estivese caendo o teito en pedazos".
Asunción Maus, da comisión de centro, declarou que denuncian o parón nas obras do novo edificio, que leva máis de seis meses sen avances: "Se non temos edificio, non podemos continuar coas obras do plan director, que xa levan moito atraso".
Así mesmo, mencionou a saturación do hospital e a incomodidade constante a traballadores e pacientes por atoparse en obra contínua.
Queixas da oposición
A deputada do BNG no Parlamento galego Noa Presas anunciou que no pleno da próxima semana vai escoitar " aos traballadores e tomar medidas inmediatas".
"Cada segundo que siga a actividade hospitalaria neste edificio é un perigo público", asegurou Presas.
Tamén o PSdeG presentou unha batería de iniciativas cuestionando á Xunta "desde cando coñece o mal estado do Materno Infantil e por que non tomou medidas respeto diso".