Nove incendios forestais seguen activos en Galicia tras arrasar 62.000 hectáreas
O incendio que máis avanzou durante a noite foi o de Larouco, que alcanzou as 15.000 hectáreas e afecta a sete municipios
Sen novas evacuacións durante a noite, pero segue cortado o tráfico ferroviario con Madrid
Chandrexa de Queixa suma xa 17.500 hectáreas queimadas

Nove incendios forestais seguen activos en Galicia, todos na provincia de Ourense, tras arrasar 62.000 hectáreas de terreo, segundo o último balance da Consellería do Medio Rural.
62.000 hectáreas son o dobre do municipio de Lugo, case tres veces o concello de Santiago, máis de cinco veces o de Vigo, sete veces o concello de Pontevedra ou o de Ourense e 17 veces o concello da Coruña.
Aínda que todos os focos activos se orixinaron na provincia de Ourense, algúns afectan tamén a superficie das provincias de Zamora e Lugo.
O que máis avanzou durante a noite é o que se orixinou no municipio de Larouco, que alcanzou as 15.000 hectáreas e tras pasar á provincia de Lugo afecta en total sete municipios.
Trátase de Petín, Quiroga, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e O Barco de Valdeorras, ademais de Larouco.
O lume de Chandrexa de Queixa, con varios focos que se uniron nos últimos días, suma 17.500 hectáreas queimadas, parte delas nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
O incendio de Valdeorras axigántase e triplica o tamaño en 24 horas
Oito dos nove os concellos da comarca de Valdeorras sofren os danos do incendio forestal que comezou en Larouco. As lapas chegaron dende alí a Petín, O Bolo, A Rúa, Quiroga, Vilamartín, O Barco, Rubiá e A Veiga. Na bisbarra, de momento, só se libra Carballeda mentres que polo oeste o lume entrou tamén en Quiroga camiño do Courel. Algunhas aldeas, como San Vicente, en Vilamartín, quedaron devastadas, con casas, alpendres e vehículos queimados. No Barco arderon dúas igrexas, as de Cesures e Fervenza, das que só quedaron as paredes. Segundo a estimación oficial do luns pola mañá, o lume estendíase por quince mil hectáreas, o que significa que en 24 horas triplicou o seu tamaño.
Un destacamento da Unidade Militar de Emerxencias traballa na zona. En plena noite estiveron plantando o que chaman 'incendios técnicos', pequenos focos cos que queiman de xeito controlado zonas de monte para evitar que avancen por alí as lapas. Nalgúns lugares, como en Rubiá, hai tamén problemas coa auga e o Concello explica que non ten capacidade para potabilizar toda a que se demanda. Hai ademais complicacións coas comunicacións e as redes de telefonía móbil están fallando. O luns baixara algo a calor pero seguía a soprar vento.
O lume leva queimadas 5.000 hectáreas en Quiroga
Medios terrestres e aéreos redobran os esforzos contra as lapas que queimaron máis de 5.000 hectáreas en Quiroga, ameazando decenas de aldeas dun territorio de gran valor medioambiental, no Xeoparque da Serra do Courel.
"Temos bastantes operativos e medios aéreos, esperemos polo menos que durante o día quede o incendio máis estabilizado, que non avance máis porque a verdade xa levamos bastantes milleiros de hectáreas ardidas", dixo José Luis Rivera, alcalde de Quiroga.
O Concello de Quiroga habilitou o pavillón polideportivo e o albergue municipal pro acollemento dos habitantes das aldeas que voluntariamente buscan refuxio das lapas.
Os incendios axexan a comarca do Ribeiro
Carballeda de Avia e Beade están cercadas polos incendios que teñen en suspense a comarca do Ribeiro. Fume e algunhas estradas cortadas con acceso só para os servizos de emerxencia.
O incendio comezou a primeira hora da tarde do venres, cando o lume prendeu na parroquia de Vilar de Condes e pouco despois empezou a arder o monte na parroquia das Regadas.
Os dous incendios uníronse nun só que permanece activo e segundo as últimas estimacións queimou unha superficie de máis de 3.000 hectáreas.
Incendio nunha casa de Ribeira
Oito persoas da mesma familia estaban xantando cando prendeu o lume no baixo. O xenro do dono da casa conta que se decataron cando lles chegou o fume e que xa había veciños abaixo.
Ao lugar acudiron protección civil de Ribeira, policía nacional e local, e mais os bombeiros de Ribeira e de Boiro, que conseguiron que o lume non subira ao primeiro andar. Tres persoas foron ao hospital do Barbanza por inhalación de fume.
Tamén se manteñen activos os lumes de Maceda (3.000 ha), Oímbra e Xinzo de Limia (12.000 ha tras unirse), A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), Vilardevós-Moialde (500 ha), Vilardevós-Fumaces e A Trepa (100 ha) e Carballeda de Avia e Beade (3.000 ha).
Na provincia de Ourense, os equipos de extinción conseguiron estabilizar o incendio de San Cibrao das Viñas tras queimar 60 hectáreas, e tamén segue estabilizado o de Montederramo-Paredes (120 ha).
En Lugo están estabilizados os incendios do Saviñao-Chave (60 ha) e Cervantes-Vilarello (150 ha).
En Pontevedra tamén pasou a esta situación o lume de Agolada, tras calcinar 400 hectáreas.
Os equipos deron por extinguido o lume de Toques-San Martiño de Oleiros, que afectou a unha superficie de 360,92 hectáreas. Así mesmo, esta madrugada produciuse un incendio de menores dimensións en Culleredo, no Monte Costa, cuxos labores de extinción continúan.
Sen novas evacuacións durante a noite
Os incendios forestais que arrasan a provincia de Ourense non obrigaron a realizar novas evacuacións ou cortes nas principais vías de circulación a pasada noite.
Tampouco se realizaron novas evacuacións en residencias, aínda que o tráfico ferroviario entre Madrid e Galicia e na liña que une Monforte de Lemos con León segue interrompido.
Toda a provincia mantense en situación 2 de emerxencia e permanecen activas as medidas de protección á cidadanía debido ao lume.
O Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) desprazouse ao municipio lucense de Sober para colaborar no abastecemento de auga nas tarefas de extinción.