Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia combate oito incendios activos tras arderen preto de 72.000 hectáreas

Galicia combate oito incendios activos tras arderen preto de 72.000 hectáreas

Estabilizado o incendio de Maceda tras calcinar 3.500 hectáreas

O incendio de Larouco, o maior da historia de Galicia, alcanza as 20.000 hectáreas calcinadas

O incendio de Porto de Seabra ameaza a fraga máis antiga de Galicia en Pena Trevinca

directo Lume en Oímbra (EFE/Ministerio de Defensa)
G24.gal 19/08/2025 09:20 Última actualización 19/08/2025 16:00

Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia.

Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño que afecta a unha superficie de 17.500 hectáreas afectadas, Oímbra e Xinzo de Limia (A Granxa e Gudín 15.000 ha), A Mezquita-A Esculqueira que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 10.000 ha, Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha), Vilardevós-Moialde (500 ha), Larouco-Seadur (arredor de 20.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (Vilar de Condes e As Regadas 3.500 ha) e Pena Trevinca (20 ha).

Continúa en Quiroga a loita contra o lume

En Quiroga continúan tamén os labores de extinción deste lume que o pasado venres cruzou o Sil afectando a este concello do sur da provincia de Lugo.

Os traballos céntranse en que o incendio non entre de cheo na serra do Courel e preocupa a evolución doutro lume que podería entrar na zona dende o veciño León.

"Estamos máis preocupados por outro incendio en León que podería chegar a afectar a Ferramulín e O Courel. Porque en Quiroga éntrannos os incendios por todos os lados. Agora hai outro que ameaza dende León, pero confío en que non entre porque están alí todos os medios traballando para facer cortalumes", comentou o alcalde de Quiroga.

Na zona de Beade os veciños apagaron as lapas 

Na zona de Carballeda de Avia arderon máis de tres mil cincocentas hectáreas de monte. Os maiores esforzos céntranse agora en controlar algunhas das zonas queimadas para que non se reavive o lume.

Na zona de Beade, de momento, o lume dá tregua. Discorrendo por algúns camiños, si que se ven focos que permanecen fumeantes e zonas que aínda non arderon por completo. Importante, controlar e vixiar eses espazos para que non se reavive o lume no monte. O Exército está pola contorna. Tamén axentes forestais, que están sendo capitais para asesorar os veciños nas tarefas de extinción destes últimos días.

Na zona de Carballeda de Avia había festa no momento en que se inicio o lume. Iso fixo que houbera un número importante de veciños na contorna, que finalmente acabaron axudando a apagar o lume.

De momento arderon máis de tres mil cincocentas hectáreas de monte nesa zona, en Avión, Leiro, Melón ou Ribadavia.

Calma tensa en Oímbra 

O vento non axuda, e o traballo sobre o terreo non cesa. Son xa, segundo as últimas estimacións, 15.000 hectáreas queimadas.

Os veciños de Busés respiran despois doutra noite en alerta. Toda man é pouca, e os veciños saen ao monte para facer cortalumes. O perigo segue porque se reavivan as lapas, que xa cruzaron a fronteira con Portugal polo concello de Vilar de Perdizes.

As lapas chegaron a Castrelo do Val, o único concello de Monterrei que estaba libre de incendios. Os medios aéreos frearon o lume, que quedou a poucos metros das casas en Nocedo do Val e dous barrios tiveron que ser desaloxados. Cansazo e moita indignación en Laza tras atopar un artefacto incendiario no monte que a Garda Civil está a investigar.

"Foi por certas sospeitas dos veciños, vimos reactivacións de incendios, incendios que aparecían de novo e estabamos co comentario de sempre, son as muxicas, as follas dos eucaliptos. Pero non había eucaliptos nin era unha hora que o vento tirara para o sur e apareceunos un lume doutro lado. A casualidade foi que cando fomos despois facer un repaso dun lume que se extinguira atopamos un artefacto preparado para provocar un lume, non hai dúbida ningunha", explica o alcalde de Laza, Moncho Barreal.

Un operario do servizo de extinción en Oímbra tivo que ser evacuado ao Hospital de Verín por inhalación de fume.

A baixada da calor e a suba da humidade favorecen a loita contra o incendio de Valdeorras

O monte segue ardendo en Valdeorras aínda que na noite do luns ao martes a situación mellorou algo. Vai menos calor e subiu moito a humidade relativa.

Segundo o último informe da Xunta, o incendio queimou xa 20.000 hectáreas, confirmándose como o maior da historia de Galicia desde que hai rexistros.

As lapas chegaron aos nove concellos de Valdeorras: Larouco, O Barco, O Bolo, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga, Vilamartín e Carballeda. 

A maioría dos danos son en montes e viñas pero tamén arderon naves industriais na Rúa, dúas igrexas no Barco ou varias casas en Petín, que se suman aos danos en infraestruturas.

Pero a imaxe da desolación témola en Vilamartín de Valdeorras, nos ollos dos veciños de San Vicente, a aldea que quedou case completamente destruída polo incendio. Tiveron que fuxir ante o avance das lapas e algúns volveron a comprobar os estragos.

As alcaldesas de Petín e da Rúa coinciden en que ardeu unha enorme parte do territorio dos seus concellos. No Barco informan tamén de danos nalgunha condución de auga e na rede de fibra óptica. En toda a comarca seguen sendo complicadas as comunicacións por teléfono.

O incendio na Gudiña calcinou unhas dez mil hectáreas

Os incendios levan días castigando o concello da Gudiña. O último a pasada noite cando as lapas se achegaron ás aldeas de Mesón de Purrián, Erosa e esta de Pentes.

O vento non deixa descansar os veciños de Pentes que levan días en alerta. Temen que unha reprodución do lume avance a carón do río e consiga chegar á aldea. Por iso, din, non baixan a garda.

A proximidade do lume obrigou a cortar aquí durante unhas horas a autovía A-52 e tamén a nacional 525. Preocupaba ademais o avance das lapas cara a unha gasolineira próxima.

Este lume comezou hai case unha semana na parroquia da Esculqueira, agora afecta xa os concellos da Mezquita, A Gudiña e Viana do Bolo. O incendio segue activo, e calcinou polo de agora unhas dez mil hectáreas.

O incendio de Porto de Seabra ameaza a fraga máis antiga de Galicia en Pena Trevinca

O incendio que comezou en Porto de Seabra, en Zamora, cruzou a fronteira con Ourense e calcinou polo menos 20 hectáreas da parte galega de Pena Trevinca, un espazo natural protexido que acolle a fraga máis antiga de Galicia.

A Consellería do Medio Rural informou este martes de que o incendio, situado no municipio da Veiga, parroquia de Ponte, supera xa as 20 hectáreas.

As lapas alcanzaron xa a Lagoa da Serpe e avanzan cara ao Teixadal de Casaio

Están estabilizados os lumes de Maceda, nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro, Vilardevós-Fumaces e a Trepa, San Cibrao das Viñas-Rante, Agolada-O Sexo, Riós-Trasestrada  e Montederramo-Paredes.

Pasan xa a controlados, xunto co da Fonsagrada-Monteseiro (150 ha), os incendios de Cervantes-Vilarello, O Saviñao-Chave e Muxía-Nosa Señora da O.

Evacuacións e confinamentos na Gudiña

Durante a noite non houbo máis evacuacións ou confinamentos, aínda que parte da poboación de Pentes, no municipio da Gudiña, decidiu irse de forma preventiva polos seus propios medios e o resto confinouse. A situación nas residencias de maiores está normalizada.

Reabren a A-52 e a N-525

A circulación na N-525 reabriu este martes ao tráfico ao seu paso pola Gudiña, co que Galicia xa non ten neste momento ningunha estrada cortada debido aos incendios forestais. Segundo a última actualización do 112 Galicia, a N-525, que permanecía cortada entre os quilómetros 133 e 137, reabriu en ambos os sentidos.

Á primeira hora, informara de que a A-52 estaba totalmente aberta á circulación despois de sufrir cortes tamén na zona da Gudiña para facilitar as tarefas de extinción e garantir a seguridade dos condutores.

A información da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ás 11:00 horas recollía que non había estradas cortadas na comunidade galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade