O Sergas comeza a instalar os sete TAC con tecnoloxía espectral nos hospitais galegos
Os primeiros equipos en funcionamento están no HULA en Lugo e no CHUS en Compostela
Teñen un custo de 8,2 millóns de euros
O Servizo Galego de Saúde comezou a instalar os sete TAC con tecnoloxía espectral nos hospitais galegos. Os primeiros equipos que entraron en funcionamento son os do HULA en Lugo o do CHUS en Santiago de Compostela.O resto das áreas sanitarias uniranse ao longo deste ano.
O goberno galego adquiriu estes equipos por un importe de 8,2 millóns de euros, para o cal complementou os fondos europeos Next Generation para renovación de tecnoloxía sanitaria con 4,8 millóns de euros de fondos propios autonómicos e así poder incorporar esta tecnoloxía de gama superior.
Proceso de adquisición de novos equipos de alta tecnoloxía
Ademais das novas incorporacións, Galicia está a renovar o 100 % dos equipos de alta tecnoloxía que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos, e no caso dos aceleradores lineais e dos TAC, faise aos 10 anos.
Este investimento englóbase dentro dos contratos de adquisición de nova tecnoloxía sanitaria adxudicados ao longo de 2022 polo Goberno galego por valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, con vistas á renovación do equipamento hospitalario.
A estas adquisicións vencéllase a instalación dos 34 equipos novos de tomografía axial computerizada (TAC) por máis de 21 millóns de euros para a totalidade dos hospitais da rede sanitaria pública galega, entre os que se atopan estes sete con tecnoloxía espectral.