Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade considera estender o pasaporte covid a eventos deportivos e áreas comerciais

Sanidade considera estender o pasaporte covid a eventos deportivos e áreas comerciais

Tamén estuda ampliar o horario para esixir o certificado covid nas cafeterías e nos bares

O xerente do Sergas estima que en dúas ou tres semanas poderiamos chegar ao pico da sexta vaga 

José Flores asegura que o comité clínico estuda vacinar o grupo de cinco a once anos en recintos masivos ou colexios

G24.gal 28/11/2021 11:23

O xerente do Servizo Galego de Saúde José Flores admite na Radio Galega que o comité clínico que asesora á Xunta prevé estender o certificado COVID  durante todo o día a cafetarías e bares (non só a partir das nove da noite como agora) se continúa o incremento de casos.

Nunha entrevista, o responsable do Sergas condiciona esa extensión a que aumenten de xeito "exponencial" os casos e "sobre todo no tocante á carga hospitalaria". 

"Si que é verdade que está na cabeza do comité clínico, na reunión do subcomité por exemplo que houbo aínda este venres, a posibilidade de que se os números continúan a aumentar dunha forma exponencial, como pode acontecer, e sobre todo no tocante á carga hospitalaria, tratar de estendelo (o certificado) de maneira correctiva".

José Flores non desbotou tampouco que se apliquen medidas sobre cabidas e horarios da hostalaría, pero: "De momento, queremos manter eses horarios, eses criterios". Recoñece que "todas as medidas que tiveron vixencia" e que "corrixiron a expansión rápida do virus" poden "volver estar nun primeiro nivel". 

Outros ámbitos

O xerente do Sergas no desbota que a esixencia do certificado COVID se estenda a outros ámbitos, ademais das visitas hospitalarias e a restauración e a hostalaría. Apunta a que sobre a mesa estaría pedilo en "grandes concentracións de persoas sobre todo en locais pechados, en eventos deportivos ou en áreas comerciais". 

Cuestionado por cando se podería aplicar, Flores limitouse a dicir que "en calquera momento" pode haber un cambio en función da evolución e mesmo apuntou á ponte do mes de decembro. 

Respecto ao avanzado polo presidente da Xunta, de estudar a semana que vén medidas sobre as actividades que se fan de pé, o xerente do Sergas admitiu que cando son "actividades masivas" a maneira de garantir a "distancia de seguridade" que recomenda Saúde Pública pasaría por que a xente estivese sentada. 

"Se isto segue subindo, loxicamente volveremos ter que ir a actividades masivas, si, pero actividades de público importante pero coa distancia de seguridade que Saúde Pública sempre recomenda, e iso só se pode garantir coa xente sentada". 

Pico da sexta vaga

O xerente do Sergas estima que o pico desta sexta vaga podería darse en dúas ou tres semanas de se comportar como outras, pero tamén recoñece que pode variar por varios factores. A proximidade do Nadal, co incremento de contactos sociais, e tamén a posible vacinación dos menores de 12 anos. 

Vacinación

O xerente do Sergas asegurou que prevén rematar a semana que vén coa vacinación de reforzo das persoas de 70 a 79 anos e coa das que recibisen a monodose de Janssen. "Contamos rematar a finais deste mes ou primeiros días de decembro", puntualizou, para logo empezar a vacinar os seguintes grupos, que son os de 60 a 69 anos e profesionais sanitarios. 

Respecto ao grupo de menores, de cinco a once anos, Flores recoñeceu que aínda non saben cando recibirán as doses para os vacinar nin cantas. En todo caso xa traballan na busca dos mellores lugares para inmunizar os nenos e nenas. 

"Falábase de grandes recintos, nalgún momento falouse dos colexios (....) agora mesmo están enriba da mesa varias posibilidades". 

Na conversa, o xerente do Sergas recoñece que non desbotan que haxa que administrar dose de reforzo a toda a poboación adulta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade