Lanzan unha campaña para recuperar a confianza nos produtos pesqueiros
As confrarías galegas activan a campaña promocional "Consumo do noso"
As cifras avalan a preocupación do sector do mar de Galicia. "Estamos notando un descenso dun 50 %. E o que tememos é que non se recupere", asegura Roberto Fariña, presidente da Asociación de Depuradoras de Galicia.
A preocupación é xeral. Na confraría de Ferrol mesmo utilizan as redes sociais para chamar á calma os consumidores. Recuperar a confianza é o principal obxectivo.
"Non hai contaminación. No caso hipotético de que o peixe trague unha boliña non son dixeribles", argumenta Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías.
E din que os datos avalan a súa mensaxe. "Pasa todos os controis sanitarios. Nós somos os principais interesados en protexer a saúde pública", asegura Javier Touza, presidente da Asociación de Armadores de Vigo.
O peso do sector da pesca é vital para a economía galega. "A xente vaise dando conta que non hai tanto mal como se esta facendo ver. Levando as cousas a un extremo por temas políticos", di José Antonio Pérez Sieiro, presidente da Federación de Confrarías.
E piden que se axude con outras medidas como a rebaixa do IVE no peixe como se fixo co aceite de oliva.