O sector do cerco, preocupado pola baixada das cotas
Tamén cren que o prezo da sardiña está moi baixo
O sector do cerco está preocupado pola baixada das cotas de capturas, e tamén pola campaña da sardiña. Din que se está vendendo a un prezo demasiado baixo.
Os informes científicos din que os esforzos dos pescadores están a dar resultados positivos e o stock de sardiña xa dá sinais de fortaleza. Pero aínda así cómpre non baixar a garda.
"Estamos mellor do que estivemos, pero aínda queda moito por mellorar. Os factores climáticos determinarán o futuro desta especie a curto prazo", di Isabel Riveiro Alarcón, investigadora do Instituto Español de Oceanografía de Vigo.
O sector cerco fala dun futuro incerto. Din que as cotas, un 21 por cento menos con respecto ao ano pasado, e tamén a falta de valor do peixe son neste momento dúas das súas principais inquedanzas.
"Non estamos tendo unha campaña da sardiña con bo arranque, o peixe non ten suficiente prezo en primeira venda, temos o problema da remuda xeracional e a Administración ten que empezar a pensar en que temos que facer unha reestruturación da frota", di Carmen Chamorro, presidenta de ACERGA.
Expertos en control, bioloxía e cambio climático abordaron estas cuestións na xornada anual que Acerga organizou este venres en Sada.