O San Froilán de Lugo arranca con máis de 340 actividades programadas
As festas comezan oficialmente o domingo co pregón da xornalista Sonsoles Ónega, pero xa se pode gozar das barracas e de comer o polbo á feira nas casetas
Cada ano, as festas, as máis populares do outono galego, atraen milleiros de persoas
As casetas do San Froilán comezan a encherse. O polbo á feira é o prato estrela das festas e ninguén se resiste a non probalo.
"En Lugo sempre hai ganas de polbo a feira e en San Froilán máis", asegura o hostaleiro Javier Ferreiro, dono dunha das tradicionais casetas do polbo do San Froilán.
As festas arrancan oficialmente o domingo, pero na cidade xa se vive ambiente festivo.
"Eu teño moitas ganas de festa xa", di unha moza, outra engade: "Son as miñas festas preferidas do ano".
Concertos, verbenas, artesanía, tradición, cultura popular, hai 340 actividades programadas.
"Este ano hai moi bos concertos", asegura unha moza.
Unha ducia de cámaras vixiarán o recinto feiral, haberá patrullas a pé, dotacións permanentes de bombeiros e sanitarias. Haberá un amplo dispositivo de seguridade.
"Todo o que sexa necesario para que a xente goce das festas dun xeito seguro", explica Javier Vázquez, concelleiro de Cultura.
830.000 microleds darán luz a un novo San Froilán, xa van 272, as festas máis populares do outono galego.