O rural galego atrae cada vez máis os urbanitas decididos a cambiar de vida
Saír do estrés e do individualismo das grandes cidades para ir vivir a unha aldea é unha opción que barallan cada vez máis persoas
Claudia trasladouse hai xa 11 meses, desde Tenerife, a unha aldea de Rodeiro de só tres veciños.
"Eu non lle vexo ningún problema a vivir nunha aldea perdida no rural. A acollida da xente foi tan boa. Nas grandes cidades un vólvese tan individualista. Todo o mundo está enfadado, estresado, ruído, tráfico... Non vivir ese tipo de estrés é o que máis agradezo", explica Claudia Gutiérrez.
Claudia atopou en Rodeiro unha vila con servizos, só 4 % por cento de paro, fibra óptica e outra forma de vivir, rodeada de granxas, de animais, de natureza.
Este ano chegaron ao concello outros catro urbanitas.
"De Holanda, das Canarias, de Madrid, de Guatemala. A chegada de migrantes está a frear a sangría demográfica dos últimos anos", declarou José Luis Camiñas, alcalde de Rodeiro.
Claudia Gutiérrez, das Canarias a Rodeiro: "O problema da vivenda é moi grave, sobre todo en lugares como as Canarias e Baleares, pola presión turística. Aquí en Galicia aínda se pode vivir doutro xeito".