Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rexurdir da aldea de Aceredo no encoro de Lindoso atrae a centos de visitantes

O rexurdir da aldea de Aceredo no encoro de Lindoso atrae a centos de visitantes

O  baixo nivel do encoro no concello ourensán de Lobios deixa á vista a antiga aldea anegada no ano 92 tras a construción da presa que xestiona a empresa Enerxías de Portugal 

Son centos as persoas que están a descubrir esta aldea somerxida e a súa historia

Veciños como Francisco Villalonga queren que non se esqueza como foron desaloxados e tiveron que abandonar as súas casas

 

A aldea anegada de Aceredo hai 30 anos rexorde polo baixo nivel do encoro de Lindoso.
G24.gal 06/02/2022 13:51

Desde hai meses o nivel anormalmente baixo no encoro do Alto Lindoso, no concello ourensán de Lobios deixa ao descuberto as ruínas da aldea de Aceredo, anegada no ano 92 pola construción da presa.

Unha imaxe que non deixa indiferente a ninguén e que se está a converter en todo un referente turístico para a xente de Portugal e tamén de Galicia, e de zonas limítrofes de España. 

Máis turistas que auga leva desde hai catro meses o encoro de Lindoso. Vai tan baixo que polas rúas de Aceredo, non para de pasear xente, entre elas Francisco que viviu aquí ata que a auga os botou hai 30 anos e a aldea quedou somerxida.  

Francisco Villalonga Baños, de 71 anos, pasou a maior parte da súa infancia neste lugar e volver a recorrela de novo di que lle trae moitas lembranzas e sentimentos. Acórdase perfectamente de quen era casa casa, máis de 100 veciños vivían nesta aldea en que di había cinco bares-tenda. 

"Eu entendo que esta xente vén toda polo atractivo, a novidade que achega isto, un lugar debaixo da auga tantos anos, asegura Francisco Villalonga, veciño do antigo Aceredo. 

Di que para os visitantes isto hoxe é unha novidade, pero que para a veciñanza foi unha ruína e unha pena ter que deixar as súas casas e as súas terras. 

Ao mesmo tempo asegura que se agradece este movemento de xente, "porque é un certo recoñemento cara o noso pobo" porque antes di, "eramos descoñecidos para a provincia de Ourense".   

Francisco di que nunca o vira o encoro tan baixo como este ano, outras veces podía verse unha parte da estrada, pero que este ano é unha excepción, pola seca e pola apertura das comportas da presa para a produción hidroeléctrica. 

A falta de auga está a convertendo agora á rexurdida Aceredo nun atractivo turístico con xente pola semana e máis aínda as fins de semana, as ringleiras de coches chegadas de Portugal ocupan practicamente toda a estrada que vai de Lobios a Portugal. 

Pero detrás deste descubrimento da aldea somerxida hai unha historia triste da xente que deixou toda a súa vida aquí. 

"Impresionada de ver, a verdade é que causa tristeza ao mesmo tempo ver todo, unha vida das persoas que deixaron atrás" di unha visitante portuguesa. 

"É impresionante, unha imaxe que paga a pena ver. Ten unha parte triste porque son persoas que foron obrigadas a saír á présa. É unha historia para contar", asegura outro veciño de Portugal. 

"A xente, desaloxamos todos, pero non por vontade propia, desaloxouse por forza maior", afirma Francisco, veciño de Aceredo. 

Foi o 8 de xaneiro de 1992 cando cerraron as comportas e "a auga comezou a subir de tal xeito que colleu a moitos veciños nas casa, animais mortos nas cortes, pipotes flotando, vaixelas, e roupas nas casa, e saíndo de noite coa auga nos pés", relata emocionado Francisco. 

Unha historia que Francisco quere que coñezan os visitantes de hoxe e que garden na súa memoria.

 

Os veciños que viviron na aldea lembran como tiveron que ser desaloxados pola construción da presa.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar