Portugal súmase ao Reino Unido, o Canadá e Australia no recoñecemento do Estado de Palestina
Francia e outros cinco países farano previsiblemente mañá
Portugal recoñeceu este domingo oficialmente o Estado de Palestina, a través dunha declaración do ministro de Exteriores luso, Paulo Rangel, desde a sede da misión do seu país nas Nacións Unidas.
"Hoxe día 21 de setembro de 2025 o Estado portugués recoñece oficialmente o Estado de Palestina", dixo Rangel.
Recoñecemento do Reino Unido
Horas antes, o primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, tamén facía público o recoñecemento formal do Estado de Palestina co obxectivo de "revivir a esperanza da paz" para os palestinos e israelís baixo unha solución de dous Estados.
"Ante o crecente horror en Oriente Medio, actuamos para manter viva a posibilidade da paz e unha solución de dous Estados. Isto significa un Israel seguro e protexido xunto a un Estado palestino viable", dixo o xefe do Goberno británico a través dun vídeo pregravado e publicado nas redes sociais.
Australia e o Canadá sumáronse ao recoñecemento
O Canadá tamén recoñeceu este domingo o Estado de Palestina, como "un paso necesario para preservar a solución de dous Estados, dada a insostible natureza da situación actual".
Nas últimas semanas, o Canadá anticipara a súa intención de recoñecer o Estado de Palestina, aínda que a ministra de Asuntos Exteriores canadense, Anita Anand, dixo que a "normalización" das relacións diplomáticas non se producirá ata que as autoridades palestinas apliquen unha serie de reformas democráticas.
Today, Canada recognises the State of Palestine. pic.twitter.com/zhumVJRBfe
— Mark Carney (@MarkJCarney) September 21, 2025
Do mesmo xeito, Australia recoñeceu de maneira formal o Estado de Palestina, nunha medida que forma parte de "un esforzo internacional coordinado para xerar un novo impulso para unha solución de dous Estados".
My statement formally recognising the State of Palestine. pic.twitter.com/HtBmnIQGBS
— Anthony Albanese (@AlboMP) September 21, 2025
O dirixente australiano remarcou que o grupo terrorista Hamás "non debe ter ningún papel" no futuro do país e subliñou o compromiso da Autoridade Palestina, presidida por Mahmud Abbas, de recoñecer "o dereito de Israel a existir".
Francia e outros cinco países farano previsiblemente mañá.