O rei preside a viaxe inaugural do AVE a Galicia, que chega con anos de atraso
As viaxes comerciais comezan o vindeiro martes
O AVE pon Ourense a dúas horas e cuarto de Madrid. Filipe VI preside este luns a viaxe inaugural, que xa fixeron en probas outras autoridades hai un mes.
A obra chega con anos de atraso. O decano dos enxeñeiros de camiños de Galicia explica que a orografía galega puxo moitas dificultades.
"No desenvolvemento deste treito, que ten 118 quilómetros, houbo que facer 32 viadutos, viadutos importantes de ata 1.700 metros algún, e 31 túneles, cunha lonxitude de 126 quilómetros".
Enrique Urcola asegura que se coidou moito o tema ambiental e puntualiza que o custo da obra dá fe da súa complicación.
"O porto exterior da Coruña son 600 millóns. 3.000 millóns para 118 quilómetros explica as dificultades que tivo".
O decano dos enxeñeiros de camiños di que as infraestruturas construídas son espectaculares e invita os galegos a dar unha volta turística para coñecelas.
"Como antes faciamos visitas ás pontes romanas, agora hai unha serie de pontes en Galicia que son dignas de presumir delas. Estamos moi orgullosos como enxeñeiros de camiños das pontes que se fixeron, que son espectaculares".
As viaxes comerciais do AVE comezan o martes. Os usuarios que en lugar de a Ourense vaian a outras cidades galegas notarán tamén a redución de tempos.
Porén, o recorte pleno está pendente da chegada dos trens adaptables ao ancho das vías que hai no interior, previstos para o ano que vén.