O luns chega o AVE a Galicia co rei Filipe VI entre os primeiros pasaxeiros
O AVE a Galicia supuxo un investimento superior aos 3.000 millóns de euros
Os novos trens AVRIL previstos para o verán permitirán velocidades de ata 330 Km/h
Galicia abre este luns unha nova era coa chegada do AVE ata a estación de Ourense procedente de Madrid, despois dun traxecto de 2:15 minutos. A viaxe inaugural do tren que sae de Madrid-Chamartín ás 09:45 da mañá contará entre os pasaxeiros co rei Filipe canda outras autoridades entre as que estarán o presidente do Goberno e o da Xunta, Pedro Saínche e Alberto Núñez Feijóo.
Este primeiro traxecto terá unha duración algo superior á habitual, xa que terá paradas en Zamora e A Gudiña, a entrada de Galicia, polo que se prevé a chegada sobre as 12:30 horas á estación de Ourense.
No programa Bos días da TVG, o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia. Enrique Urcola, destaca a importancia desta infraestrutura para o país, a súa modernización e o que supuxo:
"É unha obra espectacular, das que non se executan en séculos. Hai que gozar de que xa a temos por fin", dicía Urcola.
Destaca que a orografía puxo moitas dificultades aos traballos para poder levala a cabo con éxito. O traxecto de 118 quilómetros en Galicia precisou de 32 viadutos, algún deles de 1.700 metros, que se percorre en 18 segundos, e de 31 túneles con 126 quilómetros.
"Paga a pena visitar as pontes, como a de Teixeira, unha obra de enxeñería que vai perdurar no tempo", afirma o enxeñeiro.
Asegura que nas obras se coidou o tema ambiental, o hidrolóxico, con especial protección á fauna das zonas do percorrido.
O AVE supuxo un investimento duns 3.000 millóns de euros na obra. Enrique Urcola indica que, por exemplo, o porto exterior da Coruña supuxo 600 millóns.
Ante as críticas de que o AVE a Galicia sexa incompleto, Urcola di que todo está preparado para completar a circulación de Alta Velocidade.
"As vías están preparadas, a catenaria tamén para o AVE. Só queda o tren e os vagón e haberá que agardar os AVRIL, previstos para o verán cunha velocidade de 300 a 330 quilómetros por hora", explica Urcola.
Polo de agora os Alvia circulan a 250 quilómetros por hora pero o decano dos enxeñeiros de Galicia cre que máis cedo ca tarde será unha realidade o AVE con todas as súas características para circular ata o resto das cidades galegas.