O Real Madrid recupera o factor cancha no comezo da final da ACB
Gran partido dos brancos, que gañaron no Palau por 75-88
Comezou a final da ACB e fíxoo co Real Madrid recuperando o factor pista grazas á súa vitoria no Palau por 75–88 nun partido brillante dos brancos. Dominaron de principio a fin o encontro e só no último cuarto o Barcelona deu maquillado un pouco o resultado.
O primeiro cuarto marcou a tendencia do partido. Cun Hanga espectacular (16 puntos no primeiro tempo), o Real Madrid colleu unha vantaxe por riba dos dez puntos (17–30 no primeiro cuarto) e foise ao vestiario cun contundente 31–49.
Ao Barcelona non lle saía nada en ataque. O Real Madrid dominaba o rebote ao seu antollo. Á festa de Hanga engadiuse Deck no segundo tempo e o partido quedou sentenciado no terceiro cuarto (51–74). O último serviulle ao Barça para recuperar algunha sensación ofensiva e para cargar pilas de cara a un segundo partido en que o Real Madrid quere deixar moi decantada a final.