O Real Madrid de Abalde prolonga o seu dominio na Liga ACB
Gañou a final diante do Valencia Básket impoñéndose nos tres primeiros partidos
O Real Madrid acadou o título da Liga ACB, a última das grandes competicións desta temporada que remata. Impúxose na final ao Valencia Básket por un claro 3-0 e sentenciou na pista do cadro valenciano no primeiro partido que xogou como visitante (70-81).
O equipo branco tivo un grande inicio de partido (12-20), pero o Valencia conseguiu igualar o partido e acabou o primeiro tempo por diante (40-39) grazas a unha tripla sobre a bucina de López Aróstegui.
Pero no terceiro cuarto si foi capaz de rachar o partido. Co grande acerto de Campazzo e Hezonja o Real Madrid amosouse moi superior a un Valencia que non atopaba o xeito de anotar na canastra rival. No último cuarto entrouse cun 49-60 e a situación dominada polos de Chus Mateo.
O Valencia buscou de todos os xeitos recuperar puntos e chegar con opcións ao final do partido pero un equipo coa experiencia do Real Madrid é moi difícil de superar. Mantivo a raia ao seu rival e sentenciou a tres minutos do final (65-78).