O Real Madrid golea ó Mónaco na reconciliación de Vinicius co Bernabéu (6-1)
Primeira gran noite de Arbeloa como adestrador do equipo branco
Mbappe en dúas ocasións, Vinicius, Mastantuono, Bellingham e Kehrer en propia porta foron os goleadores dos locais
@realmadrid
O Real Madrid viviu a súa primeira gran noite europea da Era Arbeloa despois de golear ó Mónaco, 6-1, nun partido onde os apupos sufridos o pasado sábado no Santiago Bernabéu no partido ante o Levante transformáronse en aplausos e nunha reconciliación da bancada co equipo despois da derrota na final da Supercopa e na eliminación copeira ante o Albacete.
O equipo branco pisou o acelerador de saída e Mbappe cedo adiantaría os seus aproveitando unha boa asistencia de Fede Valverde. Ansu Fati tivo o empate para os monegascos pero outra vez Mbappe, esta vez tras un gran pase de Vinicius, colocaba o 2–0 no marcador. O partido era de ida e volta. Teze atopou o pau traveseiro da portería de Courtois e Balogun tamén avisou cun disparo desde a frontal ó porteiro belga.
Nos quince primeiros minutos da segunda metade o equipo branco foi un vendaval. Liderados por Vinicius chegarían tres goles máis. O primeiro de Mastantuono tras unha gran xogada do brasileiro, logo Kehrer en propia meta e pouco despois o propio Vinicius cun sensacional disparo á escuadra da portería do equipo francés. Co partido sentenciado, os de Arbeloa relaxáronse un pouco, factor que aproveitou o Mónaco para reducir diferenzas cun gol de Teze tras un erro de Dani Ceballos. Pero chegaría o sexto do Real Madrid ó aproveitar Bellingham un desaxuste defensivo do Mónaco.