O Rácing remonta diante do Alxeciras e aséntase na zona de play off
O Rácing remonta diante do Alxeciras e aséntase na zona de play off
Álvaro Romero adiantou o equipo andaluz de penalti
Manu Justo e Chacón asinaron os goles da remonta
Traballado triunfo dun Rácing que acumula oito xornadas sen perder. Os de Cristóbal superaron un mal inicio de partido no que o Alxeciras logrou adiantarse no marcador. Foi nunha acción na que Álvaro Romero foi quen de superar a Jon García para forzar o penalti de Gazzaniga. O gardameta racinguista desesperábase logo de cometer a pena máxima. O propio Romero transformaba.
Era o minuto seis, e o conxunto galego reaccionou ben para dominar con claridade o resto do primeiro tempo. Intensificou o seu dominio co paso dos minutos e Rubén Miño tivo traballo en varias accións. Evitou o gol logo dun remate de David Castro, pero non puído facer nada na acción do empate no minuto 35. Jon García iniciou a xogada, Carlos Vicente deulle continuidade e, cunha boa asistencia, servíalle en bandexa o balón a Manu Justo, quen lograba así o seu noveno tanto nesta liga.
O Rácing chegaba ao tempo de lecer con boas sensacións, e iniciou o segundo tempo dun xeito inmellorable. Mesmos protagonistas na creación da xogada. Jon García e, como non, un Carlos Vicente diferencial. Neste caso foi Luis Chacón o destinatario do agasallo do futbolista aragonés. Era o minuto dous. Coa remonta conseguida os ferroláns sufriron por momentos para manter a vantaxe no marcador. A mellor ocasión dos visitantes chegou nun córner. O remate de Elejalde provocou unha boa intervención de Gazzaniga. O Alxeciras dominaba, pero o Rácing estivo a piques de marcar o terceiro. Rubén Miño evitou o gol de David Castro, quen disparou desde o seu propio campo. Tras este triunfo os de Cristóbal acadan a cuarta praza da táboa clasificatoria.