Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Racing perde o seu primeiro partido da temporada en Éibar (2-0)

O Racing perde o seu primeiro partido da temporada en Éibar (2-0)

O equipo vasco estivo máis atinado de cara ao gol

Stoichkov e Arbilla marcaron os goles

G24.gal 17/09/2023 18:09

O Racing perdeu en Ipurua, nun partido en que non tivo o acerto de cara ao gol que si tiveron os locais. Saíron os de Cristóbal dispostos a aproveitar o seu momento doce nos primeiros minutos. E, nas botas de Carlos Vicente, tivo dúas boas ocasións no primeiro cuarto de hora. Aos poucos, o Éibar foise achegando aos dominios de Cantero, e axiña apareceu Stoichkov como o seu gran perigo. O dianteiro estragou a primeira ocasión da que gozou, pero non así a segunda. Recolleu un bo pase no bordo da área e rematou cruzado para establecer o 1-0. Ían 24 minutos de partido.

O Racing buscou o empate, pero sen crear ocasións de moito perigo, máis aló dalgún achegamento de Héber Pena, que mesmo pediu un penalti. Na outra portería tiña que aparecer Ander Cantero para facer un auténtico paradón a remate de Stoichkov, que estaba en fóra de xogo. E ao descanso chegouse co 1-0 a prol do Éibar.

Na segunda parte seguiu tendo o Racing presenza en ataque, pero as ocasións claras tardaban en chegar. Daba máis sensación de perigo o Éibar, e demostrouno logo dunha hora de xogo. Primeiro Quique rematou con perigo e, no seguinte saque desde o curruncho, Arbilla cabeceaba a gol desde o primeiro pau para establecer o 2-0.

Quedaba case media hora, pero o Racing aínda tardou en ter unha boa ocasión. Foi nun córner que prolongou Jesús Bernal, e que Álvaro Giménez rematou por riba do traveseiro. Seguiuno intentando o Racing, con outro remate de Álvaro Jiménez que marchou fóra xa no tempo engadido, pero non era o día dos dianteiros de Cristóbal. O Racing perdeu o seu primeiro partido na sexta xornada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade