O Rácing perde co Bilbao Athletic (0-1) e acumula tres derrotas consecutivas
A destitución de Pablo López, substituído interinamente por Míchel Alonso, non tivo o efecto desexado
A expulsión de Migue Leal no minuto 55 resultou determinante. Marcou Ibai no 60'
A nova etapa do Rácing, despois da destitución de Pablo López, e aínda con Míchel Alonso no banco á espera do seu substituto, non trouxo un cambio da dinámica de resultados do cadro ferrolán, que apañou a terceira derrota consecutiva diante do Bilbao Athletic.
A Malata asistiu a un partido en que os seus nunca estiveron cómodos, malia a gozaren da primeira ocasión, no primeiro minuto, nas botas de David Concha. Contra a media hora, Azael probaba tamén fortuna desde lonxe, ás mans de Mikel Santos.
A partir de aí, o filial foise atopando máis asentado, e comezou a achegarse con perigo pola área de Mikel Parera. Enaut remataba fóra de xeito acrobático, e Eder García tamén gozaba dunha ocasión no treito final. Pero ningún dos dous atopou portería.
Tampouco o fixo Ibon Sánchez no inicio da segunda metade pero, no minuto 55, chegaba a acción determinante. Unha entrada de Migue Leal motivaba o FVS por parte do banco visitante. Non era de cartón vermello, pero, despois da revisión, o árbitro amosáballe o segundo amarelo e o Rácing quedaba con 10.
Logo doutro remate axustado de Adrián ía chegar o tanto de Ibon Sánchez. Desta volta, non perdoou desde a frontal para adiantar ao Bilbao Athletic.
No treito final o Rácing buscou o gol, e tívoo preto no 87, á sáida dun córner cun balón morto que ninguén atinou a rematar. Pero as máis claras seguían sendo do filial, e tiveron que aparecer, primeiro Parera, e despois Zalaya, para evitar o segundo. O Rácing volveu querdar ás portas do remate na última, un córner no 68'. Ao final, 0-1 na Malata, e o Rácing encadea tres derrotas consecutivas e cae fóra dos postos de promoción por primeira vez na temporada.