O Rácing pechou a pasada campaña con algo máis de dous millóns de euros de déficit
O orzamento para o plantel andará polos 5,6 millóns de euros

A sala de prensa do estadio da Malata alberga hoxe, a xunta xeral ordinaria da sociedade anónima deportiva Rácing Club de Ferrol, da que o Grupo Elite ostenta a propiedade do 93,65 % do accionariado.
Unha cita en que se poñerá negro sobre branco en materia económica e do orzamento dispoñible no presente curso no que, a nivel deportivo, os de Cristóbal Parralo lograron situar ao equipo en segunda posición na táboa no curso do seu regreso ao fútbol profesional ao peche da primeira volta do campionato ligueiro.
Así, examinaranse e aprobarán as contas, verificadas por un auditor externo, e a aplicación do resultado correspondente ao exercicio pechado a xuño do 2023. Neste sentido, de maneira aproximada, estímase que o Rácing ingresou ao redor de 1,9 millóns de euros e incorreu nunhas perdas de 2,4 millóns.
O groso do gasto no curso do ascenso pivotou en torno ao custo do plantel, situado preto dos 3,8 millóns de euros.
Ademais, aprobarase a memoria deportiva da pasada campaña e tamén o orzamento correspondente ao presente curso. Por último, someterase a votación unha modificación dos estatutos en consonancia coa lexislación vixente.
O plantel custará ao club arredor de 5,6 millóns de euros. Coa chegada do Rácing ao fútbol profesional estímase que os ingresos ascendan a 8,1 millóns de euros ao peche do exercicio o 30 de xuño do 2024.
No extremo contrario, o club aproxima que gastará arredor de 8,5 millóns de euros. Deste xeito, na presente campaña rebaixarase sensiblemente o déficit, que se situaría ao redor dos 400.000 euros.
De acordo con as cifras trasladadas a comezo da tempada pola patronal ligueira en materia de límite salarial do persoal deportivo, incluíndo xogadores, primeiro adestrador, segundo adestrador e preparador físico do primeiro equipo, e que fixaba o máximo para o Rácing en 5.769.000 euros está previsto que o club desembolse aproximadamente 5,6 millóns nesta partida.