O Rácing ficha a David Concha e engade outra peza máis para o ataque
O xogador cántabro procede do Nástic e marcou 4 goles a temporada pasada en Primeira Federación
O Rácing de Ferrol continúa armando o seu equipo de cara á vindeira temporada. A zona de ataque era a que precisa máis reforzos e o último en asinar a dirección deportiva liderada por Álex Vázquez é o extremo cántabro David Concha (28 anos).
Un xogador de experiencia contrastada na categoría e tamén en divisións superiores. Comezou a súa carreira no Rácing de Santander antes de fichar polo Numancia co que realizou unha gran temporada con só 19 anos en Segunda. Iso valeulle a oportunidade de asinar pola Real Sociedade, pero non acabou de consolidarse en Primeira.
O filial do Barcelona foi o seguinte equipo. Non foron bos anos para un David Concha que recuperou o seu mellor fútbol no Badaxoz co que a piques estivo de ascender a Segunda División. Os dous últimos anos ese foi o seu obxectivo no Nástic de Tarragona, pero tanto en 2024 como en 2025 quedou ás portas na fase de ascenso. Agora ficha nun Rácing que terá o mesmo reto, volver ao fútbol profesional.