Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Rácing de Ferrol, pendente de Buñuel, xa pensa no Mirandés

O Rácing de Ferrol, pendente de Buñuel, xa pensa no Mirandés

O club verde confirmou que o futbolista pasará por quirófano "para reducir as fracturas que padece no rostro"

G24.gal 02/09/2024 16:16 Última actualización 02/09/2024 16:23

O equipo do Rácing de Ferrol realizou este luns un primeiro adestramento tras a derrota deste domingo na Coruña ante o Deportivo e xa pensa no partido da próxima xornada contra o Mirandés, no que será baixa Aitor Buñuel tras o forte golpe que recibiu durante o duelo de Riazor.

O club verde confirmou que o futbolista pasará por quirófano "para reducir as fracturas que padece no rostro" polo "golpe fortuíto" cun xogador rival, incidente polo cal foi trasladado á clínica Quirón, da cidade herculina.

Alí realizóuselle "unha primeira valoración", pero posteriormente foi derivado ao Complexo Hospitalario Universitario coruñés, onde quedou ingresado para unha intervención cirúrxica a levar a cabo "nas próximas horas" por parte de cirurxiáns da súa área maxilofacial.

Nun comunicado, o Rácing de Ferrol transmitiu a Buñuel "todos os ánimos posibles nestes momentos" e agradeceu ao Deportivo, "en especial ao seu corpo médico, as facilidades e respaldo que nos prestou durante as últimas horas para que o noso futbolista recibise a mellor atención médica posible".

Pola súa banda, os demais xogadores, tras o adestramento deste luns no campo ferrolán da Gándara, descansarán este martes e desenvolverán novas sesións de traballo, sempre desde as 10:30 horas, o mércores na Gándara, o xoves no estadio da Malata e o venres e o sábado, de novo, na Gándara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade