O Rácing de Ferrol dille adeus á Segunda co desexo de voltar pronto
O encontro será o da máis que previsible despedida de boa parte do equipo e do propio corpo técnico

Tras dous anos na categoría de prata, o Rácing de Ferrol despedirá este sábado un novo ciclo en Segunda División co último compromiso ligueiro do curso, no que se medirá ao Spórting de Xixón antes de afrontar a súa reconstrución polo seu recente descenso a Primeira RFEF.
Nun duelo no que ningún dos dous equipos ten xa nada en xogo, o cadro verde acumulará media ducia de baixas entre lesións e sancións. Así, Alejandro Menéndez, do mesmo xeito que a pasada semana fronte ao Albacete, manterá na enfermería a Erick Cabaco, Raúl Blanco, Aitor Buñuel e Luis Perea, pero tampouco poderá contar con Aleksa Puric e David Castro tras as súas expulsións no partido do Carlos Belmonte.
O encontro será o da máis que previsible despedida de boa parte do equipo e do propio corpo técnico do Rácing de Ferrol, abocado a unha remodelación do equipo que evite unha desconexión coa afección, evidente nas últimas semanas, nas que se roldaron os 3.000 espectadores na Malata a pesar de contar con máis de 9.300 socios