O PSdeG esixirá que a nova lei de Administración Local revise "competencias impropias"
Besteiro anunciou unha batería de medidas para defender os concellos da "asfixia" aos que a somete a Xunta
O líder do PSdeG anunciou este luns unha batería de medidas para defender os concellos da “asfixia” aos que os somete a Xunta para o que, entre outras cuestións, esixirá que a lei de Administración Local contemple “unha revisión global das competencias impropias asumidas” polos municipios.
O Goberno galego sacou a información pública o anteproxecto dun texto que "abordará un novo sistema de financiamento" para os concellos incluíndo os criterios de dispersión poboacional e envellecemento e a reunión da Executiva dos socialistas galegos abordou esta cuestión entre outros puntos.
Respecto diso, Besteiro asegurou que a súa formación entregarase en defender os concellos. O Partido Socialista de Galicia, “vai actuar politica e por certo tamén xudicialmente”, no caso de ser necesario, para frear a “asfixia deliberada” á que se somete os concellos “por parte do Partido Popular” mediante “un incremento constante de competencias impropias sen achegar nin un só euro no seu financiamento”.
No marco da tramitación da norma, os socialistas pedirán tamén un reforzo real do Fondo de Cooperación Local e a aprobación dun plan estratéxico de subvencións para os concellos “con criterios obxectivos de repartición”. Tamén reclamarán á Xunta que asuma “o custo real” do Servizo de Axuda no Fogar porque a pesar de chegar a un acordo coa Fegamp para un incremento da achega, os fondos seguen sendo insuficientes.