O 'Proxecto Nós' dá un paso clave para o desenvolvemento dunha IA xerativa en galego
Presentan un nutrido banco de voz, constituído grazas a centos doazóns, que permitirán seguir incorporando o galego na programación dos algoritmos
A existencia dunha IA xerativa en galego está desde hoxe un pouco máis preto. Catro anos de traballo para incorporar a lingua galega nas ferramentas tecnolóxicas máis avanzadas chegan hoxe a un momento clave. Porque o Proxecto Nós presenta un nutrido banco de voz, constituído grazas a centos doazóns, que permitirán seguir incorporando o galego na programación dos algoritmos.
"O mesmo que doamos sangue ou tecidos, é posible doar voz e que quede para o futuro, para crear voces sintéticas, para asistentes, para persoas que eventualmente poidan perder a voz", explicou Antonio Torrado, o director de SDG en Galicia.
8.000 contribucións acaban de sumarse ao 'Proxecto Nós'. Un novo paso, despois de tres anos e medio de traballo que foron acadando metas importantes.
"Xa temos unha voz masculina e unha feminina que falan un precioso galego; temos moito material e recursos para adestrar sistemas de recoñecemento automático da fala e temos un sistema de tradución automática neuronal", declara Elisa Fernández Rei, a directora do Instituto da Lingua Galega.
Os doantes que se incorporan agora son, moitos deles, enxeñeiros de datos dunha consultora. "Outras linguas máis establecidas teñen máis datos cos que adestrar modelos", explican. "E gustaríanos que todos os galegofalantes poidamos interactuar con todas as plataformas no noso idioma. É tamén moi interesante que recollemos a fala de persoas de lugares moi distintos, así a IA poderá entender e empregar os diferentes trazos dialectais que temos", engaden Pablo Presedo, Elisa Fernández e Helena García.
Son doadores de voz e traballadores da consultora de datos e Intelixencia Artificial SDG. Empregados entusiasmados co proxecto que queren devolver así os anos de formación e implantación en Galicia.
Todo este traballo está en aberto e a disposición de investigadores, universidades, á disposición das empresas que queiran desenvolver aplicacións.
"Poden ser a base dunha futura IA xerativa en Galicia", explica Fernández Rei.
A data en que chegue esa ferramenta, din, depende dos recursos económicos que destinen institucións e empresas. Aquí, esperan que sexa pronto.