O profesor que violou unha alumna en Ourense e fuxiu a Cuba perde a súa praza
As autoridades esperan aínda a súa extradición
Martiño Ramos Soto, condenado a 13 anos de prisión pola violación dunha alumna, perdeu a súa condición de funcionario de carreira do Corpo de Mestres, segundo resolución ditada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes a proposta da Consellería de Educación.
Malia que no mes de xullo de 2025 a sentenza foi declarada firme, e notificouse ás partes en setembro, Martiño Ramos non ingresou no cárcere porque fuxira de España. O 31 de outubro ditouse unha orde internacional de busca e captura e en novembro o diario El Español adiantou que Martiño Ramos vivía e traballaba como fotógrafo na Habana desde o mes de xullo. Foi arrestado en Cuba ese mesmo mes e, desde entón, estase á espera da súa extradición.
A decisión tomouse a teor da sentenza xudicial, declarada firme o 3 de xullo de 2025, na que se instaba a súa inhabilitación absoluta para exercer a docencia durante un período de 12 anos.
Ramos foi condenado pola Audiencia Provincial de Ourense, en xullo de 2024, a 13 anos e medio de cárcere por abusar sexualmente de maneira reiterada e violar unha alumna desde que esta tiña 12 anos e ata que cumpriu os 16, despois de contactar con ela por redes sociais e aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade familiar.
O home, que tiña entón 45 anos e fora profesor da vítima en infantil e primaria, someteu a nena a numerosos abusos e violacións, así como a "prácticas sádicas" e, nunha ocasión, propinoulle unha malleira e abandonouna no monte.