O Goberno cubano indulta 2.010 presos coincidindo coa Semana Santa
Trátase da maior liberación en décadas e a segunda no que vai de ano
Foto: Presidencia de Cuba
O Goberno de Cuba anunciou este xoves que aprobou o indulto de 2.010 presos, unha decisión que cualificou de "xesto solidario humanitario e soberano" e enmarcou no contexto das celebracións da Semana Santa.
"Este xesto humanitario e soberano partiu dunha análise coidadosa das características dos feitos cometidos polos sancionados, a boa conduta mantida en prisión, o estado de saúde e que teñan extinguida unha parte importante da súa sanción", indica o Executivo insular nun comunicado.
Entre os máis de 2.000 presos incluídos nesta excarceración "aparecen xente nova, mulleres, adultos maiores de 60 anos, os que tiñan previsto conseguir a liberdade anticipada entre este ano e o que vén; así como estranxeiros e cidadáns cubanos residentes no exterior".
Na lista de indultados descartáronse persoas que "cometeron delitos de agresión sexual, pederastia con violencia, asasinato, homicidio, drogas, furto e sacrificio de gando, roubo con violencia ou forza coa utilización de armas ou menores vítimas, corrupción de menores, delitos contra a autoridade, reincidentes e multirreincidentes e algúns que foron beneficiados con indulto anteriormente e cometeron novos delitos".
11.000 presos indultados en 15 anos
O Goberno cubano subliña que este "é o quinto indulto que realiza desde 2011 e o segundo no que vai de ano. Prodúcense nun momento de reinicio de diálogo con representantes da Administración norteamericana no medio das presións dos EUA.
O pasado 12 de marzo, o Executivo da Habana informou da excarceración de 51 presos, persoas que -segundo explicou- cumpriran "unha parte significativa da pena e mantiñan boa conduta en prisión" .
A maioría dos indultados participaron nas protestas antigubernamentais do 11 de xullo de 2021, as maiores mobilizacións antigubernamentais desde a Revolución de 1959 e qe se saldaron con máis dun milleiro de detidos.
Case todos os excarcerados cumprían condenas de entre seis e 18 anos de cárcere polos delitos de desordes públicas, desacato, atentado e sedición.
Desde 2011 foron indultadas na illa máis de 11.000 persoas.