Publicador de contidos

Publicador de contidos

A coalición conservadora gaña as eleccións en Portugal; empate técnico entre a ultradereita e os socialistas na segunda posición

A coalición conservadora gaña as eleccións en Portugal; empate técnico entre a ultradereita e os socialistas na segunda posición

A coalición conservadora de Montenegro gaña con algo máis do 33 %  dos votos, que lle supoñen 89 escanos

A consecuencia máis inmediata foi a dimisión do líder do PS Pedro Nuno Santos, cuxa forza perdeu vinte parlamentarios no hemiciclo, de 230 escanos

Luís Montenegro, candidato de Alianza Democrática, e actual primeiro ministro en funcións
G24.gal 18/05/2025 14:44 Última actualización 19/05/2025 09:39

Os portugueses prefiren seguir igual e así o din os votos depositados nas urnas este domingo polos máis de 10 millóns de lusos que tiñan dereito a sufraxio. Votaron para renovar os 230 deputados da unicameral Asemblea da República, o Parlamento, nunhas eleccións das que sairá un novo goberno, un goberno que será continuísta e conservador.

Á falta de que se coñeza o sentido do voto no estranxeiro, que adxudica catro escanos, a Alianza Democrática (AD) de Montenegro (centrodereita) gañou as lexislativas, con 89 escanos e o 32,10 % dos votos, seguida polo PS, con 23,38 % dos sufraxios e 58 deputados, os mesmos que Chega, que ten o 22,56 % dos votos.

Séguenos Iniciativa Liberal (IL), con 5,53 % dos sufraxios e nove escanos; o ecoloxista Livre, con 6 deputados e o 4,20 %; o Partido Comunista Portugués, con tres escanos e o 3,03 %; o Bloco de Esquerda, co 2 % e un deputado, e o animalista PAN, co 1,36 % e un asento. Entra por primeira vez no Parlamento luso o rexionalista JPP de Madeira, cun deputado e o 0,34 % dos sufraxios.

Con estes resultados constátase un retroceso dos partidos de esquerda, que terán 69 asentos no futuro Parlamento, fronte aos 92 que tiñan na lexislatura anterior, mentres que a dereita terá no seu poder 156 escanos.

Dimite Pedro Nuno

Ante este panorama, a consecuencia máis inmediata foi a dimisión do líder do PS Pedro Nuno Santos, cuxa forza perdeu vinte parlamentarios no hemiciclo, de 230 escanos. Santos compareceu con cara de circunstancias ante os seus seguidores na noite electoral para anunciar que pediu que se celebren primarias nacionais no PS e anunciou que non se vai presentar como candidato.

"Asumo as miñas responsabilidades como líder do partido, como sempre fixen no pasado, sempre pensei que debería asumir responsabilidades, por iso vou pedir eleccións internas coa Comisión Nacional" do PS, indicou o político, que agregou que está previsto que a dita comisión se reúna o vindeiro sábado.

Outro ambiente vivíase no hotel onde Chega celebrou a noite electoral e os 58 escanos que logrou, oito máis que na pasada lexislatura. O seu líder, André Ventura, deu por terminado o bipartidismo en Portugal. "Hoxe podemos declarar oficialmente ante todo o país e con seguridade que acabou o bipartidismo", dixo o dirixente ultra en referencia á alternancia que houbo no poder desde a Revolución dos Caraveis en 1974, que puxo fin á ditadura de António Salazar, entre o PS e o conservador Partido Social Demócrata (PSD), de Montenegro.

Os comicios celebráronse despois de que o Goberno de Montenegro perdese en marzo un voto de confianza no Parlamento, motivado pola publicación nos medios da existencia dunha empresa en mans da súa familia, que recibiría pagos doutras compañías en que o político traballou antes.

No seu discurso do triunfo, tras coñecer os resultados, Montenegro asegurou que coa súa decisión o pobo luso aprobou de forma inequívoca un voto de confianza ao seu Executivo. "O pobo falou e exerceu o seu poder soberano e, na honestidade da súa liberdade, aprobou inequivocamente un voto de confianza ao Goberno, á AD e ao primeiro ministro", subliñou Montenegro.

Cos 89 deputados que AD logrou, nove máis que na anterior lexislatura, está lonxe da maioría absoluta na unicameral Asemblea da República (Parlamento), que son 116 escanos. Sobre posibles pactos, evitou dar pistas ao ser preguntado pola posibilidade de buscar un acordo co ultradereitista Chega e apuntou: "Non creo que haxa máis solución de Goberno que a que se deriva da vontade libre, democrática e convencida, diría eu, do pobo portugués expresada hoxe", remarcou.

Sobre a súa negativa en anteriores ocasións a pactar coa extrema dereita, Montenegro respondeu os xornalistas, sen mencionar explicitamente a Chega: "En canto aos nosos compromisos, xa demostramos que temos palabra e que a cumpriremos". Á falta de que se complete o escrutinio de votos no estranxeiro, o 64,38 % dos máis de 10,8 millóns de portugueses chamados a sufragar este domingo exerceron o seu dereito. Máis aló dos resultados, a xornada de votación transcorreu este domingo con total normalidade, cun balance positivo, dixo a EFE o portavoz da Comisión Nacional Electoral lusa André Wemans. O responsable indicou que non se rexistrou ningunha situación importante e que o proceso transcorreu moi tranquilo.

Sánchez empraza a Montenegro a seguir traballando pola península ibérica e por Europa

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, felicitou esta noite a Luis Montenegro pola súa vitoria nas eleccións lexislativas en Portugal e emprázao a seguir traballando xuntos polo futuro da península ibérica e por unha Europa máis unida e próspera.

Así o expresou Sánchez na rede social X: "Parabéns, Luís Montenegro, pola túa vitoria. Sigamos traballando xuntos polo futuro da Península Ibérica e por unha Europa máis unida e próspera".

Rueda traslada a Montenegro o seu desexo de que "esta nova etapa sirva para fortalecer aínda máis esa relación"

O presidente da Xunta Alfonso Rueda felicitou ao candidato da coalición conservadora Alianza Democrática (AD) Luís Montenegro pola súa vitoria nas eleccións lexislativas de Portugal, celebradas este domingo.

Nunha mensaxe publicada no seu perfil da rede social X, o presidente galego destaca que Galicia e Portugal comparten historia e proxectos comúns e traslada o seu desexo de que esta nova etapa sirva para fortalecer aínda máis esa relación.

Os portugueses están cansos de ir tres veces en tres anos ás urnas e catro veces en cinco anos

A abstención nas eleccións lexislativas deste domingo en Portugal será de entre o 36 e o 42 %, dicían as proxeccións da Universidade Católica para a cadea de televisión pública lusa RTP. Unha vez máis, as enquisas equivocáronse, e a abstención superou o 51 %. Só acudiu a votar o 48,28% dos portugueses con dereito a voto.

Nos comicios lexislativos de marzo de 2024 a abstención foi do 40,16 %, o que se correspondeu con 4,3 millóns de persoas con dereito a voto. O municipio con maior taxa de abstención nos comicios do ano pasado foi Ribeira Grande, mentres que o que tivo a menor foi Sardoal.

Parece que de nada serviron as chamadas a acudir ás urnas do presidente da República, do primeiro ministro e dos candidatos de todos os partidos. Os portugueses semellan cansos de acudir tan a miúdo a uns comicios para que despois todo siga igual.

Este domingo, Portugal volveuse a enfrontar a unhas eleccións lexislativas e aos cidadáns lusos tocoulles decidir novamente entre o continuísmo ou a renovación. Pero as deste domingo foron as segundas eleccións lexislativas en pouco máis dun ano, as terceiras en tres anos e as cuartas en cinco anos. 

Só pasaron catorce meses desde os últimos comicios para que máis de dez millóns de portugueses tomasen en consideración o esforzo de acudir ás urnas nunhas eleccións anticipadas, forzadas tras unha moción de confianza e a caída, no mes de marzo, do Goberno de centrodereita do primeiro ministro Luís Montenegro por un escándalo empresarial.

Nos últimos días de campaña e só dous meses despois da caída do Goberno, as sondaxes situaban o partido do actual primeiro ministro conservador en primeiro lugar pero lonxe da maioría absoluta.

O primeiro ministro en funcións de Portugal, Luís Montenegro, votando en Lisboa. Imaxe / Reuters O primeiro ministro en funcións de Portugal, Luís Montenegro, votando en Lisboa. Imaxe / Reuters

O presidente de Portugal di que convocará os partidos a partir deste luns 

O presidente de Portugal Marcelo Rebelo de Sousa mostrou este domingo a súa intención de convocar os partidos políticos a consultas a partir deste luns.

Ao ser preguntado pola televisión pública RTP, nos arredores do Palacio de Belém, sede da presidencia, por se ten présa para nomear un novo primeiro ministro, Rebelo de Sousa respondeu: "Polo momento non", ao que agregou que ten que analizar os resultados que se coñecerán esta noite.

"Os resultados coñeceranse durante a noite, espero que non demasiado tarde, e entón, mañá, reflexionarei sobre eles", tras o que convocará os partidos para os días seguintes, para a semana, explicou o mandatario.

Tras os comicios deste domingo, Rebelo de Sousa iniciará unha rolda de consultas con todas as formacións políticas e nomeará un primeiro ministro, que será o encargado de formar un novo Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade