Sánchez anunciará un paquete "potente" de medidas anticorrupción no Congreso
O ministro da Presidencia asegura que con estas medidas o Goberno pretende recuperar a confianza
Page tras o Comité Federal do PSOE: "Teñen máis medo á crítica que aos chourizos"
Sumar anuncia as súas propias medidas contra a corrupción fronte á parálise do PSOE
O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, avanzou este luns que o presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciará este mércores no Congreso dos Deputados un paquete potente de medidas anticorrupción co obxectivo de recuperar a confianza da cidadanía tras os últimos escándalos.
"Agora é o reto de recuperar a confianza e que casos, poucos pero moi graves, non manchen a nosa loita contra a corrupción, un aceno de identidade do noso presidente e do noso Goberno", afirmou en Los desayunos del Ateneo, recalcando que non se trata de resistir, senón de profundar na axenda social e de transformacións.
Pero hai grupos que propoñen ir máis alá. Coalición Canaria pide, como xa fixo o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, que Sánchez se someta a unha cuestion de confianza. Desde o Goberno rexeitan esta medida.
"Porque non", di Óscar López., Ministro para a Transfomación Dixital.
Desde Podemos son críticos coa falta de medidas por parte do goberno pero evitan responder sobre a apoio a unha posible cuestión de confianza.
"Quen ten a prerrogativa de convocar unhas eleccións xerais é o Presidente do Goberno", explica Pablo Fernández. Portavoz de Podemos.
Os socios de goberno de Sumar apuntan a folla de ruta. Unha oficina anticorrupción e a retribución do permiso parental e advirten:
"O mércores decídese o rumbo desta lexislatura. Se o PSOE fala só no seu nome, nós farémolo no noso", advite Lara Hernández, Coordinadora de Sumar.
Desde o Partido Popular din que Sánchez inicia unha semana mais coa vista posta nos tribunais.
"Feijóo lidera un partido de centro reformista, mentres Pedro Sánchez lidera un partido de centro penitenciario", asegura Miguel Tellado., Secretario xeral do PP.
E cren que os socios de investidura deben decidir se queren seguir sendo cómplices e manter esta situación.
Bolaños di que os socialistas queren cumprir co seu proxecto
Bolaños lembrou que hai dous anos os socialistas se presentaron ás eleccións cun proxecto de prosperidade e benestar compartido e que o Executivo está a lograr cumprir os compromisos asumidos: "É a economía que máis crece da UE. España superou en PIB per cápita ao Xapón. En emprego, rozamos os 22 millóns de afiliados á Seguridade Social e Rajoy soñaba cos 18. Nunca houbo tanta estabilidade no emprego. Aprobamos xa 36 leis, que no pleno do 22 de xullo serán 43".
A lei de amnistía
En relación coa lei de amnistía, Bolaños sinalou que o PP no seu congreso da pasada fin de semana non dixo nin chío da amnistía porque, ao seu xuízo, é evidente que funcionou e está a cumprir o obxectivo para a normalización política e social e institucional de Cataluña e a acabar co conflito máis serio da historia recente de España.
"Cumprimos os compromisos. Temos dificultades, profundaremos nelas e temos que traballar moito para superalas", admitiu o ministro, á vez que recoñeceu: "Entendo perfectamente a decepción, tristeza, desencanto de millóns de españois co que vimos".
Caso Francisco Salazar
Preguntado polo caso de Francisco Salazar, que ía ser nomeado adxunto á Secretaría de Organización do PSOE pero que finalmente el mesmo renunciou a iso tras unha información xornalística relativa a acusacións de presuntos comportamentos machistas, Bolaños insistiu en que ante o máis mínimo indicio de comportamento machista e de abuso de poder e mesmo sexual se tomaron medidas rápidas e contundentes.
O dirixente socialista admitiu que ata o sábado non se permitían denuncias anónimas no partido, pero que xa tomaran antes a decisión de cambiar o sistema para que fosen permitidas. Ao seu xuízo, a clave é preguntarse por que hai mulleres que sofren comportamentos de acoso e non se atreven a denunciar.
En canto á responsabilidade política de Sánchez polo nomeamento de perfís supostamente corruptos e/ou machistas en cargos públicos tan relevantes, Bolaños lembrou que o presidente participou en centenares de nomeamentos.
A cuestión de confianza
En canto á cuestión de confianza que reclaman aliados como CC e socialistas como Emiliano García Page, Bolaños sinalou que este mecanismo constitucional se expón cando un considera que non ten a maioría parlamentaria, pero subliñou que, mesmo tras coñecerse o informe da UCO da Garda Civil que levou ao cárcere provisional ao que fose secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, o Goberno gañou as votacións esenciais no Congreso.
De feito, o ministro recalcou que gañan o 90 % das votacións e que nesta lexislatura xa aprobaron 36 leis e, se todo vai ben no Pleno do 22 de xullo, aprobarán outras sete.
Ademais, Bolaños xactouse en que a Garda Civil non tivo inxerencias na investigación. "Coñecemos o informe da UCO como o resto da cidadanía. Co PP había unha policía patriótica que cometía delitos para tapar delitos dese Goberno; agora hai un funcionamento normal das institucións e as Forzas e Corpos de Seguridade actúan sen inxerencias. Quen a faga, que a pague. Cero tolerancia", manifestou.
O financiamento do PSOE
Respecto a un eventual financiamento ilegal do PSOE froito dos últimos casos de corrupción coñecidos, Bolaños afirmou que revisaron as contas e están tranquilos. "Se alguén o levou, levouno para el. Temos informes do Tribunal de Contas que son públicos e axustados ao dereito. É o partido máis transparente, con auditorías que acreditan a nosa legalidade. Agora hai unha terceira auditoría en marcha", apuntou.
Preguntado sobre o futuro do PSOE, o ministro recalcou que Pedro Sánchez é un líder carismático que levou o partido do 20 % a superar o 30 % en porcentaxe nacional de voto. "É recoñecido nacional e internacionalmente e quédanlle moitos anos. Síntoo pola dereita, cunha euforia absoluta: nas eleccións de 2027 imos gañar", aseverou, destacando que o candidato será Pedro Sánchez.