Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno acorda transferir a Euskadi as prestacións familiares pero non as de desemprego

O Goberno acorda transferir a Euskadi as prestacións familiares pero non as de desemprego

O acordo inclúe tamén Salvamento Marítimo e novos medios patrimoniais da Seguridade Social

G24.gal 15/07/2025 21:29 Última actualización 15/07/2025 22:02

O Goberno central e o Goberno vasco pactaron este martes a transferencia a Euskadi da xestión das prestacións non contributivas á familia da Seguridade Social, aínda que exclúen as prestacións por desemprego. O acordo produciuse na comisión bilateral celebrada no Palacio da Moncloa, presidida polo presidente do Executivo, Pedro Sánchez, e o lehendakari, Imanol Pradales.

En rolda de prensa tras o encontro, Pradales celebrou que "por fin se abriu a porta" para xestionar o réxime económico da Seguridade Social, "que permanecía pechado con 46 cadeados", un por cada ano de "incumprimento" do Estatuto de Gernika nesta materia.

Máis competencias para Euskadi

Entre os sete asuntos tratados na reunión, tamén se acordou transferir as funcións e servizos de Salvamento Marítimo, ampliar os medios patrimoniais adscritos aos servizos da Seguridade Social en Euskadi e abrir a porta, en palabras de Pradales, á "xestión aeroportuaria de Euskadi".

Estes avances en materia competencial supoñen un novo impulso ao autogoberno vasco, aínda que sen incluír a reclamación histórica da xestión das prestacións por desemprego, que segue nas mans da administración central.

Axudas ás familias: 100 millóns e 20.000 beneficiarios

A transferencia ao País Vasco da xestión das prestacións familiares non contributivas da Seguridade Social e do subsidio especial por nacemento supón uns 100 millóns de euros e beneficiará a unhas 20.000 persoas. Euskadi recoñecerá, xestionará e abonará estas axudas, mentres que o Estado manterá a capacidade normativa, é dicir, o Goberno Vasco asumirá o pago pero non poderá modificar os importes.

Son catro as prestacións que pasarán a ser xestionadas polo Executivo vasco:

  • Asignación económica por fillo ou menor acollido a cargo: axuda por cada fillo ou menor acollido menor de 18 anos cunha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou maior de idade cunha discapacidade do 65 % ou máis. Tamén a perciben orfos de ambos proxenitores ou menores abandonados que cumpran os requisitos.
  • Prestación económica por nacemento ou adopción: paga única de 1.000 euros por fillo, destinada a familias numerosas, monoparentais ou proxenitores cunha discapacidade do 65 % ou máis, sempre que teñan ingresos baixos.
  • Prestación económica por parto ou adopcións múltiples: paga única que depende do número de fillos: 4 veces o SMI para dous fillos, 8 veces para tres e 12 veces para catro ou máis.
  • Subsidio especial por nacemento: dirixido a mulleres dadas de alta ou en situación asimilada que non cotizaron o suficiente para ter dereito á prestación contributiva. A axuda equivale ao 100 % do IPREM diario (17,93 €/día en 2025) durante 42 días, ampliables a 56 en casos especiais.

Con datos de 2023, en Euskadi perciben estas prestacións 10.635 menores de 18 anos (a través dos seus proxenitores) e 9.394 persoas maiores de idade. A transferencia implica tamén o traspaso dos medios materiais e persoais da Seguridade Social que xestionan estas axudas.

Segundo o Goberno Vasco, a operación respecta o modelo unitario e a caixa única da Seguridade Social, dado que estas prestacións non contributivas se financian cos Orzamentos Xerais do Estado. O sistema permitirá aplicar o concerto económico vasco, polo que Euskadi descontará do Cupo que paga ao Estado un 6,24 %, arredor de 100 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade