Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nove persoas detidas e 20 ertzainas feridos tras un acto de Falange en Vitoria

Nove persoas detidas e 20 ertzainas feridos tras un acto de Falange en Vitoria

Os arrestados, un deles menor, enfróntanse a un delito de desorde pública por guindarlles pedras aos axentes

Participaban nunha contramanifestación para evitar a celebración da concentración da formación fascista

G24.gal 12/10/2025 20:50 Última actualización 12/10/2025 21:47

Os altercados rexistrados este domingo en Vitoria tras o enfrontamento entre os participantes nunha concentración de Falange Española e os que tomaban parte noutra que tentaba impedir o acto deixa 19 persoas detidas e 20 ertzainas feridos leves.

Segundo informa o Departamento de Seguridade do Goberno Vasco, os arrestados, un deles menor de idade, enfróntanse a un delito de desorde pública por lanzar pedras e outros materiais contra os axentes do dispositivo de seguridade. Todos participaban na contramanifestación.

Os altercados comezaron ao mediodía nas inmediacións da praza da Provincia, onde había unha concentración de Falange Española en defensa da unidade de España.

Despois continuaron en varias rúas céntricas da capital arabesa, onde arderon algúns colectores urbanos e rexistráronse danos en vehículos, lastras e arquetas.

A Ertzaintza mobilizou numerosos recursos da Brigada Móbil, apoiados por imaxes de dron e por un helicóptero para controlar os incidentes.

Condena do ocorrido

O viceconselleiro de Seguridade do Goberno Vasco, Ricardo Ituarte, condenou o ocorrido e dixo que "son feitos moi graves que atentan contra a convivencia e que non teñen cabida na nosa sociedade".

Lamentou que unha concentración convocada "por un grupo de persoas fascistas", atopara "o que buscaba: a resposta dos fascistas vascos", que ademais "atacaron directamente os axentes da Ertzaintza que estaban a velar pola orde e a seguridade da cidadanía".

"Non imos tolerar este tipo de feitos que nos lembran tempos pasados", advertiu, e puxo en valor o traballo dos ertzainas.

"Malia os ataques recibidos, mostraron, unha vez máis, a súa profesionalidade e traballaron para devolver a orde ás rúas de Vitoria-Gasteiz".

"Desastre organizativo"

Tamén se pronunciou sobre este feitos un dos sindicatos con representación na Ertzaintza, o SIPE, que esixiu dimisións tras denunciar un "novo desastre organizativo" para facer fronte a estes altercados.

Nun comunicado, asegura que os axentes "se viron completamente desbordados" pola "falta de efectivos, a escasa previsión e unha coordinación deficiente", que provocaron "situacións de auténtico caos operativo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade