Euskadi xestionará as prestacións do paro, cun importe anual de 822 millóns de euros
O Goberno vasco asegura que con este acordo rematan 46 anos de incumprimento do compromiso estatuario

Euskadi xestionará as prestacións do paro cun importe anual de 822 millóns de euros. Os gobernos central e o vasco chegaron a un acordo para transferir a Euskadi a xestión da prestación de desemprego e do subsidio por desemprego.
O total de beneficiarios no País Vasco ascende a 51.000 persoas. 20.000 percibiron o subsidio e 31.000 as prestacións por desemprego. Dende o Goberno vasco aseguran que con este acordo rematan 46 anos de incumprimento do compromiso estatuario.
Este traspaso inclúe as 30 oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), en que actualmente traballan 534 persoas.
O acordo pechouse nunha reunión en Madrid entre a conselleira vasca de Gobernanza, Administración Dixital e Autogoberno, Maria Ubarretxena, e o secretario de Estado de Traballo e Economía Social, Joaquín Pérez Rey. Vaise materializar, según o goberno vasco, antes de fin de ano, nunha reunión da Comisión Mixta de Transferencias.
Malia todo, fontes do Ministerio de Traballo precisaron con todo que non se pode falar de prazos porque "tecnicamente é complexo" e o proceso é "longo".
Desde o ministerio de Yolanda Díaz recalcaron que o traspaso debe facerse "con todas as garantías" para as persoas do SEPE que traballan en Euskadi e explicaron que non se fixou a contía do traspaso. Eses 822 millóns -o diñeiro gastado nestas prestacións en 2024 na comunidade autónoma- son unha referencia.
O traspaso "respecta" a caixa única do sistema de Seguridade Social e "non se pronuncia" sobre a asunción por parte do Gobierno Vasco da xestión do réxime económico da seguridade social, segundo informou o Executivo de Imanol Pradales"
"Hoxe é un gran día para Euskadi", felicitouse a conselleira, que cualificou o traspaso como un "fito": "Pechamos o círculo e desde Euskadi farémonos cargo non só das políticas activas (apoio á procura de emprego e formación para o emprego, traspasado en 2011), senón tamén das políticas pasivas de emprego", destacou.
A conselleira considerou que con esta transferencia "empézase a ver a luz ao final do túnel despois de 46 anos de incumprimento do compromiso estatutario" e anunciou que a principios de outubro o Gobierno Vasco remitirá ao español unha proposta detallada para completar o calendario de transferencias acordado no seu día por ambos os executivos.