Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz prohibe saír do país ao empresario Antxon Alonso, vinculado con Santos Cerdán

O xuíz prohibe saír do país ao empresario Antxon Alonso, vinculado con Santos Cerdán

O xuíz Leopoldo Puente tamén decretou a prohibición de saír do país o exdirectivo de Acciona Fernando Merino

Alonso nega que o exnúmero 3 do PSOE fose socio dunha empresa clave da trama, pero admite o pago dunha doazón de 4.500 euros á fundación do exministro Ábalos

O xuíz cita o 21 de xullo a expresidenta de Adif e o exdirector de Estradas

Arquivo / Jesús Hellín / Europa Press
G24.gal 07/07/2025 13:02 Última actualización 07/07/2025 14:50

O xuíz do Tribunal Supremo Leopoldo Puente prohibiu saír do país ao exdirectivo de Acciona Fernando Merino e ao empresario Antxon Alonso, vinculado ao exdirixente socialista Santos Cerdán por un contrato co que este compraba o 45 % da empresa Servinabar, que segundo ambos nunca se executou.

Ambos declararon este luns como investigados no alto tribunal e negaron o pago mordidas por obra pública a ningún dos imputados nesta causa, entre eles o exministro de Transportes José Luis Ábalos e o exsecretario de organización do PSOE Santos Cerdán, en prisión preventiva desde hai unha semana.

Tras as súas comparecencias, o maxistrado instrutor impuxo para ambos os empresarios as medidas cautelares que solicitou a Fiscalía Anticorrupción: prohibición de saír do país con retirada de pasaporte e obrigación de comparecer quincenalmente no xulgado.

Nos seus autos, o xuíz afirma que hai "indicios bastantes" de que ambos poderían beneficiarse, "a cambio dun prezo" e en colaboración, presuntamente, con Cerdán, Ábalos e o exasesor Koldo García, da adxudicación de obras, e apunta a posibles delitos de integración en organización criminal e suborno.

Segundo as fontes consultadas, Antxon Alonso recoñeceu que Santos Cerdán asinou en 2016 o documento achado na súa casa para converterse en socio da empresa Servinabar, pero que nunca se executou, e situou ao exasesor Koldo García como comisionista para obra privada antes de chegar ao Ministerio con Ábalos.

Non entende o xuíz o motivo polo que Antxon Alonso, "bo amigo de don Santos segundo se proclama", conservaba ese documento privado "tantos anos despois" no seu domicilio; nin tampouco que dous anos despois, en 2018, "interviñese don Santos Cerdán nunha doazón" de 4.500 euros efectuada por Servinabar 2000 á Fundación Fiadelso, "estreitamente vinculada" a Ábalos e á súa familia.

Merino, pola súa banda, dixo que non tiña poder de decisión sobre as obras ás que se presentaba Acciona, subliñou que algunhas das que aparecen no informe da UCO eran privadas e desvinculouse do documento chamado M.Fomento que este lle enviou, con nomes de diferentes cargos cando José Luis Ábalos chegou ao Ministerio, ao sinalar que o exasesor llo mandaría por erro .

O maxistrado non advirte risco de fuga en ningún dos dous empresarios investigados, con "arraigamento bastante en España", e lembra que xa se practicaron rexistros nos seus domicilios e que se solicitou información bancaria de ambos.

A diferenza do caso de Santos Cerdán, a quen enviou a prisión preventiva o pasado luns, tampouco ve neles risco de que puidesen alterar ou destruír probas.E

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade